Biblioteca Municipal de Tui acolleu alumnado da Escola Infantil Galiña Azul

Participaron na lectura dun conto por parte de persoal da Biblioteca

Tui | Ao longo desta semana os nenos e nenas da Escola Infantil “A Galiña Azul” de Tui visitan a Biblioteca Municipal tudense para coñecer as súas instalacións e participar na lectura dun conto por parte do persoal da biblioteca.

Previamente foi realizado o carné da Biblioteca a todo o alumnado o que lle da acceso aos servizos bibliotecarios, especialmente ao préstamo domiciliario de libros. Deste xeito, todos os rapaces e as rapazas participantes nesta actividade levan unha obra, que eles mesmos escolleron, para a lectura no seu domicilio.

Esta iniciativa promovida pola Escola Infantil “A Galiña Azul”, en colaboración co Concello de Tui, pretende que os nenos e nenas coñezan os servizos municipais de lectura e préstamo de libros dos que poden facer uso á vez que fomentan a afección á lectura desde idades ben temperás, coincidindo coa celebración do programa de actividades de animación á lectura “Tui en letras”.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, agradece esta iniciativa da Escola Infantil “A Galiña Azul” de achegamento á Biblioteca Municipal onde os nenos e nenas puideron coñecer todas as súas dependencias e descubrir o mundo de posibilidades que lle ofrece este centro de lectura para incentivar a súa imaxinación e os seus coñecementos.