Belesar celebrou a XVI Festa do Viño e a Cereixa

Os días 21 e 22 de maio

O Saviñao | Belesar celebrou, o 21 e 22 de maio, a edición 16 da Festa do Viño e da Cereixa logo de dous anos de ausencia. As 10 da mañá abríronse os postos de venta de cereiras e as 12 as tres casetas do viño das adegas participantes: Terras de Bendaña, Condado de Sequeiras e Fontao. Fixo o pasarrúas o grupo de gaitas Os Barrios, de Chantada. No escenario actuou o grupo musical Nubeiro, de Lugo.

A inauguración oficial da feira foi pasadas as 13.30 na ponte que cruza o río Sil e comunica os concellos do Saviñao co de Chantada. Cortou a cinta Bieto Ledo, o pregoeiro, xunto cos alcaldes de O Saviñao e Chantada, Juan Carlos Armesto e Manuel Lorenzo Varela.

Deseguido, Ramón Porto presentou a Bieto Ledo, director da editorial Ir Indo, que pronunciou o pregón e logo foi nomeado “Cofrade do Bo Viño de Belesar” pola Asociación Papeiros e Rabudos, organizadora do encontro festivo. Ledo é “Vigués ilustre” e “Fillo predilecto de Xunqueira de Ambía (Ourense). O grupo musical monfortino “Meritxell” animou a chamada sesión vermut e logo do xantar popular volveron actuar Os Barrios.

Ese sábado, máis de douscentos pilotos de motos que xantaron en Monforte fixeron varias etapas do Roteiro Castrexa, proba puntuable para a Copa de España. Entraron na Ribeira Sacra por Taboada, e desde esta localidade dirixíronse cara a Chantada, acometendo así a primeira etapa.

Desde a capital da Asma baixaron a Belesar, e desde aquí dirixíronse á praia da Cova. Completaron a mañá coas etapas A Cova-Ferreira, Ferreira-Sober e Sober-Monforte. Desde aquí emprenderon viaxe rumbo a Samos para concluír o día en Lugo.

O domingo en Belesar volveron actuar Os Barrios e Meritxell ata o solpor, pero as seis da tarde celebrouse o “Certame de Aturuxos” entre Papeiros (de Chantada) e Rabudos (Do Saviñao).

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos