Belén Regueira Leal presidirá a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia

Por primeira vez a institución terá unha decana ao fronte para o período 2024-2028

Santiago de Compostela | A Sala Galería do Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela acolleu esta mañá o acto de investidura da nova Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O novo órgano directivo ten un mandato estabelecido de catro anos, no período 2024-2028, e estará dirixido por primeira vez na historia do Colexio por unha decana, Belén Regueira Leal.

A nova decana asegurou no seu discurso de toma de posesión que a nova etapa do Colexio de Xornalistas “representa simplemente un paso máis na consolidación desta entidade nada no ano 2000, hai cerca de 25 anos” e agradeceu o traballo dos xornalistas que a precederon no posto, todos eles presentes no acto: Xosé María Palmeiro, Xosé Manuel Vega, Xosé Manuel Pereiro e Francisco X. González Sarria.

Nun momento no que se reflexiona sobre “o xornalismo e o seu papel na consolidación da democracia”, Regueira defendeu a necesidade de que nese debate se escoite “a voz dos e das profesionais da información, unha voz que no ámbito galego representa o Colexio de Xornalistas”. “Queremos e necesitamos un xornalismo profesional, independente, crítico e autocrítico; con firmes raíces na ética e deontoloxía profesional; con salarios e condicións laborais dignas; que non ignore as condicións de desigualdade estrutural ás que se enfronta a metade da poboación e máis da metade da profesión; que valore a experiencia dos veteranos e que non abuse da ilusión de quen se incorpora á profesión”, concluiu.

A nova Xunta de Goberno
A nova Xunta de Goberno é o resultado do proceso electoral convocado o pasado 6 de marzo. Ao terse presentado unha única convocatoria en tempo e forma o día 9 de abril ás 19:00 horas, e non recibir ningunha reclamación, esta candidatura foi proclamada como definitiva o 16 do mesmo mes. Encabezada por Belén Regueira, a nova Xunta conta con tres vicedecanías: Sonia María Vizoso Pérez como vicedecana 1ª, Marcos Sanluis López como vicedecana 2º e Francisco X. González Sarria, decano na anterior Xunta de Goberno, como vicedecano 3º. Darío Janeiro Pereira repite cargo como secretario e a tesoureira será Eliana Martíns Alvela.

As vogalías ocupadas por Noemí Alonso Rodríguez, Ángela María Casal Fernández, Jaime Conde Guillade, Ana González Liste, Lucía Junquera Pazos, Valeria Pereiras Reza, Xosé Manuel Pereiro Sánchez, Natalia Puga López, Manuel Rey Pan e Mónica Rosas Conde completan a nova Xunta de Goberno que rexirá o Colexio de Xornalistas até o 2028.

Previamente á toma de posesión, celebrouse a última xuntanza da Xunta de Goberno saínte, que aprobou o peche de mandato e deu o relevo á nova directiva. A Xunta de Goberno 2020-2024, encabezada polo decano Francisco X. González Sarria, estaba composta por Sonia Vizoso Pérez, Belén Regueira Leal e Xosé Manuel Pereiro Sánchez.

Como vicedecanos, Darío Janeiro Pereira como secretario e Ángela Fernández Casal como tesoureira, ademais de María Bragado Paz, Valeria Pereiras Reza, Marcos Sanluis López, Xaime Leiro Darriba, Xaime Conde Guillade, Eliana Martíns Alvela, Ana González Liste, Mónica Rosas Conde, Belén López Rodriguez e Matilde Vázquez Rojo nas vogalías.

Belén Regueira Leal
Belén Regueira naceu na Coruña en 1977. Licenciada en Xornalismo pola USC, boa parte do seu labor profesional está vencellado aos medios públicos galegos. Na TVG foi reporteira e condutora dos espazos informativos Bos Días e A Revista. Traballou como guionista de programas de entretemento como Tardes con Ana e Tourilandia e presentou o musical Chambo e o faladoiro infantil O país dos ananos.

Na Radio Galega dirixiu o programa Extrarradio e o espazo sobre migracións Un país mundial. Entre 2020 e 2024 foi vicedecana segunda do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo)

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.