Ayuso no frenopático.

O Partido Popular está no frenopático. Ten ese costume, tirarse sempre dende o máis alto para desgracia dos seus simpatizantes, que logo teñen que dar a cara para xustificar cada unha das súas falcatruadas. Os relatos que nos contan son tan inverosímiles que superan de largo as novelas de folletín do Vizconde de Ponson du Terrail, cuxo personaxe estrela era Rocambole. De feito, esa é a orixe da palabra rocambolesco. Levar calquera polémica ao rocambolesco non dá moita marxe para que algún asunto importante sexa tomado en serio de verdade.

Se por coller vacacións ou voar no Falcon xa piden a dimisión, que é a esixencia máxima que se lle pode pedir a un presidente, logo, en casos serios, non deixan percorrido para impactar na opinión pública. Estamos tan acostumados á previsibilidade hiperbólica do PP que xa non diferenciamos o que é grave do que non.

“Rocambolesco, ayusesco, feijoesco, telladesco, gamarresco ven sendo o mesmo”

Rocambolesco, ayusesco, feijoesco, telladesco, gamarresco ven sendo o mesmo. É por iso que teñen complicado o de gobernar. Cada cousa que pasa a esaxeran tanto que cando salta un escándalo, alguén dentro da súa organización debería recomendarlles un pouco de mesura, porque é cuestión de tempo que quede solapado por un de magnitude maior nas súas filas. En termos sísmicos a escala de Richter hai tempo que xa non é capaz de medir a gravidade dos desatinos populares.

A día de hoxe andan a voltas coa compra dun ático que adquiriron a escondidas, todo indica, para que a presidenta e o seu concubino puidesen continuar co seu romance nun futuro non lonxano. Ao ser pillados, deron versións contraditorias sobre o propósito da compra, e todas difíciles de crer. Que si é para oficinas, que si para salas de reunións, que si para despachos…

Responder con mentiras non é a mellor opción. E velaí está o problema da xestión da presidenta neste caso. Non é necesario que minta. Debería aplicar a doutrina Trump, na que este asegura que “podería disparar á xente na Quinta Avenida e non perdería votos”.

Non se dá conta de que se os madrileños lle deron maioría absoluta logo da morte de 7291 persoas durante a pandemia, dos pelotazos dos seus pais, do seu irmán, do seu mozo, de vivir nun ático mercado con cartos de orixe dubidosa, etc., por que se vai preocupar agora pola compra irregular desta vivenda?. Ayuso o que ten é que medir a cantidade exacta de áticos que podería comprar sen que lle pasase factura nas urnas. Comprobar o punto exacto de elasticidade da paciencia dos madrileños antes de crebarse para non pasarse de aí.

A Feijóo, pola actitude lacaia amosada ata o de agora ante Díaz Ayuso, non o veremos nunha radio, marcándose un Pablo Casado, preguntando se é entendible mercar un ático en plena crise de vivenda, coma o seu predecesor se preguntou se era entendible que o irmán da presidenta cobrase comisións vendendo mascarillas durante a pandemia mentres morrían 700 persoas ao día. Feijóo só arriscará no xogo de tronos cando a presidenta estea ferida de morte. Aí si se atreverá a darlle a estocada. Todo un valente.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.