“Asturias e Galicia compartimos moito máis que unha fronteira xeográfica”

Saúda do Presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbon, con motivo do XXXI Día de Galicia en Asturias

Aldea Global | “É unha verdadeira honra dirixirme á sociedade asturiana e a todos os galegos e as galegas que senten a nosa Comunidade como o seu propio fogar, con motivo desta nova edición, a trixésima primeira, do Día de Galicia en Asturias.

Asturias e Galicia compartimos moito máis que unha fronteira xeográfica marcada polo Eo. Únenos unha historia común, unha paisaxe e un clima que esculpen o noso carácter, unha cultura irmá e uns lazos inquebrantables. Somos dous pobos que se miran con admiración, que cooperan con lealdade e que entenden a hospitalidade e o esforzo como acenos de identidade.

Esta irmandade está máis vixente que nunca e proxecta un futuro sólido, porque o noroeste peninsular comparte grandes desafíos. A mellora das infraestruturas, o desenvolvemento industrial e tecnolóxico, a defensa do medio rural e do sector primario, o reto demográfico ou a loita contra os incendios forestais son asuntos marcados en vermello na axenda das nosas dúas comunidades.

Neste contexto, o labor da Asociación Día de Galicia en Asturias resulta esencial. Ano tras ano, esta entidade revalida a súa condición de ponte sólida de entendemento entre as dúas autonomías. O seu traballo constante promove o intercambio cultural, o desenvolvemento económico e o encontro social. Grazas á súa dedicación, o Camiño de Santiago que nos cruza e a tradición que nos une mantéñense máis vivos que nunca. O seu esforzo non só enriquece a nosa vida comunitaria, senón que reforza a unión entre ambos os territorios.

Por todo iso, quero expresar o meu máis sincero recoñecemento e gratitude á xunta directiva, ás persoas asociadas e a todas as que fan posible esta iniciativa. O voso labor é o reflexo dunha Asturias aberta, integradora e orgullosa dos seus vínculos con Galicia. Nun tempo marcado polo levantamento de muros, esta asociación segue apostando por tender pontes.

Como Presidente do Principado, convido cordialmente a toda a cidadanía a sumarse e participar no programa de actividades. Que estas xornadas sexan, unha vez máis, espazo de celebración, convivencia e futuro compartido.

Un afectuoso saúdo.
Adrián Barbón Rodríguez
Presidente do Principado de Asturias”

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.