
Salvaterra de Miño | A Asociación Lazoiro participou un ano máis na Limpeza Simultánea de Ríos Galegos promovida por ADEGA que tivo lugar esta fin de semana. Para esta edición escolleuse un treito do río Tea que vai dende a Ponte da Fillaboa ata o Cordeiro na parroquia de Alxén.
Na xornada de voluntariado ambiental participaron preto de vinte persoas de diferentes idades, organizadas en dous grupos para recoller o maior número posible de lixo. Dende Lazoiro destacan que “este ano aumentouse considerablemente o número de paniños húmidos que apareceron tanto nas marxes do río, como penduradas nas ramas das árbores, debido as enchentes ao longo do ano, o que ademais dificulta a súa retirada, que de por sí xa é complexa. Chegamos a encher varios sacos de lixo, algo que antes non pasaba”.

Ademais dos paniños húmidos, atopáronse ferros, arames de diferentes tamaños, tubos de plástico, moitos restos de envoltorios de comida, botellas de cristal e como en case tódalas edicións, algún pneumático. Dende a Lazoiro tamén denuncian que nesta edición aumentou considerablemente o lixo nas zonas de praias fluviais, “chegamos atopar bolsas penduradas de lixo en zonas apartadas onde a xente adoita bañarse en verán, ademais dun aumento de botellas de cristais e envoltorios de comida”. Unha sorpresa que apareceu este ano, próxima ao punto de saída na zona do Cordeiro na parroquia de Alxén, foi a a aparición de escombros con restos de obra, entre os que destacan madeira, ferros, algúns plásticos e outro tipo de materiais diversos. Dende Lazoiro din que “esta é a primeira vez que atopamos un punto de escombros á beira do río Tea, que imos poñer en coñecemento das autoridades”. En total, Lazoiro calcula que retiráronse preto de 400 kilos de lixo, xa que foi necesario usar dous contedores.




