Asinada a Declaración de María Pita pola igualdade

Por parte de dezasete alcaldesas españolas

A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, deu lectura esta mañá á Declaración de María Pita, un documento acordado entre as alcaldesas de cidades españolas capitais de provincia e máis de 100.000 habitantes co obxectivo de traballar pola igualdade dende os seus municipios.

A lectura realizouse nun acto no salón de plenos do Palacio de María Pita, ás 13.00h, ao que estaban convidadas as alcaldesas galegas ademais das alcaldesas españolas asinantes, como símbolo de unidade entre o liderado feminino.

Inés Rey foi a encargada de dar lectura á Declaración tras a sinatura das rexedoras presentes, nunha cerimonia que tivo lugar no salón de plenos, acompañada de todas as mandatarias asistentes así como de membros da corporación municipal.

O acto foi a primeira parada do I Encontro de Alcaldesas, “El poder de hacer las cosas bien”; promovido dende o Concello da Coruña co obxectivo de debater e reflexionar sobre o papel das mulleres nas institucións.

Ademais da lectura da Declaración de María Pita, o Concello da Coruña organiza unha xornada de debate que se levará a cabo esta tarde en PALEXCO, a partir das 17.00h, na que participarán rexedoras de toda España así como outras mulleres referentes en distintos ámbitos da política.

Entre elas atópase a ministra de Política Territorial e Voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, que participará nun diálogo coa primeira concelleira da Coruña, Inés Rey. A Declaración de María Pita é un primeiro documento que pretende amosar o compromiso das mulleres á fronte das corporacións locais cos obxectivos da axenda feminista. Especialmente, o compromiso coa promoción da igualdade dende o eido local e a visibilización das mulleres na vida pública, fomentando a súa representatividade como referentes para mulleres e nenas.

Tal e como sinalan os datos, a presenza de mulleres nas corporacións municipais segue sendo minoritaria. Nas 8.131 entidades locais do estado español  as mulleres supoñen un 40% do total das corporacións,  mentres que no tocante a alcaldías, a cifra diminúe ata un 21%.

Deste xeito, a través desta Declaración de María Pita, as alcaldesas comprométense non só a traballar por reverter estas cifras no eido local, senón tamén dende as súas correspondentes organizacións para acadar o mesmo obxectivo en todas as Administracións.

O documento asinárono Inés Rey, Alcaldesa da Coruña; Natalia de Andrés, alcaldesa de Alcorcón; Amaia del Campo, alcaldesa de Barakaldo; Noelia Arroyo, alcaldesa de Cartaxena; Amparo Marco, alcaldesa de Castellón; Eva María Masías, alcaldesa de Cidade Real; Ana González, alcaldesa de Xixón; Sara Hernández, alcaldesa de Xetafe; Núria Marín, alcaldesa de Hospitalet de Llobregat, María del Carmen Sánchez, alcaldesa de Xerez da Fronteira; Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, Noelia Posse, alcaldesa de Móstoles; Marta Farrés, alcaldesa de Sabadell; Nuria Parlón, alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet; Clara Isabel Luquero, alcaldesa de Segovia; Emma Buj, alcaldesa de Teruel; Milagros Tolón, alcaldesa de Toledo.

Inés Rey convidou, en nome de todas as alcaldesas firmantes, á adhesión do resto de compañeiras alcaldesas do estado español, co obxectivo de crear unha primeira rede de mulleres políticas comprometidas coa loita pola igualdade entre homes e mulleres dende o poder local.

Adhesión das alcaldesas galegas
Tras a lectura da Declaración de María Pita, que asinaron as 16 rexedoras de cidades españolas de máis 100.000 habitantes ou capitais de provincia, Inés Rey convidou ás rexedoras galegas de concellos máis pequenos, presentes tamén hoxe no salón de plenos, a adherirse ao documento.

As rexedoras que se sumaron presencialmente á Declaración foron Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo; María Barral, alcaldesa de Betanzos; Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas; Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas; Margarita Lamela, alcaldesa de Cee; María Sol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz; Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Noelia Rodríguez, alcaldesa de Ribadavia; Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas; Patricia Domínguez, alcaldesa de A Pobra de Trives; María Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; e Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo de Limia.