As Xornadas Europeas da Cultura Xudía destacarán o patrimonio e a gastronomía

Esta fin de semana na Eurocidade Tui-Valença
Visita guiada á colección dos Sambenitos no Museo Diocesano de Tui.

Tui | A Eurocidade Tui – Valença continua a desenvolver o programa das Xornadas Europeas da Cultura Xudía que ao longo do mes de setembro ofrece un amplo abano de actividades para a difusión e promoción do patrimonio vinculado á presenza de comunidades xudías e criptoxudías en ambas localidades.

A cidade de Tui forma parte, dende o ano 2019, da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, integradas por 21 cidades españolas que traballan conxuntamente na promoción do seu patrimonio cultural. A presenza de Tui nesta rede cooperativa posiciona á nosa cidade no ámbito cultural e turístico.

A celebración anual en toda Europa, no mes de setembro, destas Xornadas é unha oportunidade para a difusión deste legado patrimonial, neste ano o lema elixido para estas Xornadas é “Diálogo” e propón difundir e promover narrativas positivas que resalten a contribución do xudeus europeos a unha Europa máis plural e integradora.

Sobre esta temática se desenvolve o programa preparado polas cidades de Tui e Valença, nunha colaboración iniciada no pasado ano e que abre unha nova vía de colaboración entre ambos municipios e promove un achegamento á colaboración iniciada coa Rede de Judarías de Portugal.

En concreto o programa para esta fin de semana abrangue as seguintes propostas

Sábado 18 de setembro
Diálogos co patrimonio xudeu: “Prateiros de tradición xudía na Catedral de Tui” (Visita guiada con inscrición previa)

Esta visita estará a cargo do historiador tudense José Ramón Fernández Fernández, especialista en Historia da Arte e un dos principais coñecedores da historia e do patrimonio da Catedral tudense.

Inicio na Oficina de Turismo de Tui – Praza de San Fernando, 12 h.
Inscrición previa en turismo@tui.gal

Diálogos coa colección de Sambenitos do Museo Diocesano (Visita guiada con inscrición previa)

Esta visita será realizada por Suso Vila, doutor en Historia e especialista na historia e patrimonio das comunidades xudías e criptoxudías tudenses.
Inicio no Museo Diocesano – 19,00 h.
Inscrición previa en turismo@tui.gal

Domingo 19 de setembro
Diálogos coa música: Concerto “Secretos de Sefarad” con Paco Díez
Igrexa de San Domingos de Tui -19.30 horas
Entrada libre ata completar aforo.

Paco Díez é un artista de acreditada traxectoria na investigación da música tradicional e popular española, especialmente das tradicións sefardís. É un concerto en solitario de música sefardí con voz, zanfona, guitarra, mandola e derbouka. Unha excepcional oportunidade de achegarse a unha das máis emblemáticas expresións culturais dos xudeus de Sefarad.

Nacido en Piñel de Abajo – Valladolid, de familia de labradores casteláns, Paco Díez é cantante e músico autodidacta, comeza a súa andaina en 1978. Orienta a maior parte da súa traxectoria á divulgación da Cultura Musical Ibérica, acompañado de guitarra, zanfona, salterio, rabel, etc, e conta cunha sólida bagaxe etnográfica apoiado por un rigoroso traballo de recompilación do saber tradicional por diversas zonas da Península.

O Convento das Clarisas tamén estará na axenda das Xornadas Europeas da Cultura Xudía.

Realizou concertos por todo o mundo, tanto en solitario como coa Bazanca, Tradibérica, Tres Culturas Tres, Esencias de Sefarad, etc, converténdose en recoñecido embaixador da lingua e cultura de España. Apaixonado dos instrumentos tradicionais, conta coa única Aula-Museo que alberga máis de 450 pezas de España, Portugal, Occitanía (terzo sur de Francia) e Magreb, así como unha importante colección de gaitas do mundo. É un dos maiores expoñentes a nivel nacional e internacional no Romancero Ibérico e na Música Sefardí.

Tamén estes días continúan a celebración das Xornadas Gastronómicas Sefardís: Bacallau na que participan 21 restaurantes tudense cunha ampla oferta de pratos arredor deste peixe:

Alboio: bacallau en empanada,
Ideas peregrinas: tosta con bacallau,
Parador de Tui: bacallau con broa
Jaqueyvi: á brasa,
Tapas e viños: ensalada con bacallau,
La de José Luís: á brasa,
El Molino: á portuguesa e tamén empanada,
Puro sabor: ó forno e empanada
Novo Cabalo Furado: á prancha, á galega, ó forno, boliños e empanada,
Vello Cabalo Furado: á portuguesa, empanada e boliños,
Santiamén: asado con cebola,
Pote: ensalada de bacallau e á galega,
Happy Restaurant: lascas de bacallau, empanada,
Monte Aloia: empanada de bacallau e bacallau á brasa e ao forno,
Cruceiro do Monte: á portuguesa.
Asador Paulo: bacallau á brasa e bacallau á xuliña
Pirsin: empanadillas e empanadas de bacallau
Vionkas Bake: empanadilla de bacallau
La de Manu: bacallau
Epoca: bacallau á prancha e ao estilo época

E, por último, lembrar que ao longo de todo o mes de setembro pódese participar nunha actividade participativa e gratuíta, “Busca la llave del Diálogo / Busca a chave do diálogo”.
Mediante un xogo, os visitantes terán que desprazarse consecutivamente a tres puntos da xudaría de cada cidade, neste caso a de Tui, no marco dunha iniciativa con motivo con motivo da celebración dunha nova edición da Xornada Europea da Cultura Xudía.

En concreto, o xogo nos convida a desprazarnos consecutivamente por tres puntos da xudaría de nosa cidade: Sinagoga – Porta da Pía (1), Convento das Clarisas (2) e rúa Entrefornos (3). Pódese acceder a eles pola localización do móbil ou polos carteis localizados en cada punto.

En cada punto unha actividade nos acercará á temática da xornada Europea da Cultura Xudía 2021: Diálogos. Visualizar un vídeo, escribir un párrafo dunha historia en cadea ou decidir que tipo de diálogo abriría nos dará a posibilidade de conseguir a famosa chave de Sefarad. Ao concluír as tres probas debes pasarte pola Oficina Municipal de Turismo (4) (Praza de San Fernando) a recoller a túa chave.

Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso Álvarez, a celebración destas xornadas é una excelente oportunidade para achegarse ata Tui e Valença e coñecer os seus recursos patrimoniais e gastronómicos, ao tempo que para os tudenses é unha ocasión para afondar no coñecemento da nosa historia e patrimonio.