As pioneiras da industria mosense foron protagonistas do 8M

Dedicadas ás industrias textil, do plástico e conserveira

Mos | Máis de 150 persoas veñen de asistir ao acto homenaxe ás mulleres pioneiras da industria mosense que se celebrou con motivo do 8M no Pazo de Mos, organizado pola concellería de Política Social e Igualdade e o Centro de Información á Muller, CIM, do Concello de Mos.

Mulleres, as homenaxeadas hoxe, que aló polos anos 60 do século pasado non dubidaron en traballar dentro e fóra da casa e entrando a formar parte das plantillas de 3 importantes fábricas “prantando a semente”, como diría esta tarde durante a súa intervención a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, “que deu o froito de que hoxe Mos sexa o 4º municipio industrial da Provincia de Pontevedra”.

Esas mulleres foron traballadoras do Taller de José Regojo, Plásticos Dayfer e Conservas Alfonso Riveiro González. Foron moitas, pero en representación delas, estiveron esta tarde no Pazo de Mos Emilia Mª Teresa (Pitusa) Díaz Álvarez, Marcelina  Diaz  Álvarez e María  Fernández  Blanco,  ex traballadoras de CASTELLANAS OU TALLER DE JOSÉ REGOJO, empresa que iniciou a súa actividade sobre o ano 1955 (a 1ª en Mos). ANTONIA ROMERO  GROBA, SARA  CABALEIRO  VILLAR,  ALBINA TOURON RODRÍGUEZ e MARIA  CLAUDEL COSTAS  LOUREIRO ex traballadoras de PLÁSTICOS DAYFER, empresa que se instalou en Mos en 1966. E SEVERINA  ROMERO RIVEIRO e MARÍA  FERREIRA PÉREZ, ex traballadoras de CONSERVAS ALFONSO RIVEIRO GONZÁLEZ, empresa que se instalou en Mos en 1967.

O obxectivo deste acto era homenaxear a esas grandes loitadoras que se abriron un oco nun mundo de homes: as nosas pioneiras da industria mosense. Mulleres que aló polos anos 60 do século pasado triplicaban esforzos: traballando na casa e no coidado de fillos e maiores da familia, no campo e na fábrica para poder dárlles unha mellor calidade de vida ás súas familias. Mulleres que se introduciron nunha industria cunhas condicións laboráis moi duras, con salarios baixos e sen apenas dereitos laboráis en comparación cos homes.

“Elas foron pioneiras por lograr facerse o seu lugar na industria. E tamén por comezar a cambiar as condicións laboráis femininas abríndonos paso e dándonos facilidades ás xeracións de mulleres que chegaríamos posteriormente ao mercado laboral. Mulleres exemplares: exemplo de traballadoras. Nais. Fillas. Educadoras e coidadoras. Exemplo de veciñas. Exemplo de amigas e compañeiras entre sí”, salientaba a rexedora local mosense.

E concluía Arévalo asegurando que “todas elas: PITUSA, MARCELINA, MARÍA, ANTONIA, SARA, ALBINA, MARÍA, SEVERINA E MARÍA representan hoxe a tantas e tantas mulleres mosenses das que temos que estar orgullosas e agradecidas. Mulleres que son ou poden ser as nosas nais, avoas ou bisaboas. E ás que lles debemos tanto… a nivel persoal e no que a dereitos das mulleres se refire. Por iso grazas ás nosas pioneiras. Sen elas non seríamos as mulleres mosenses que hoxe somos. Grazas de corazón: polo voso traballo, pola vosa loita, por educarnos e coidarnos. por non escatimar esforzos para darlle unha vida mellor ás vosas familias”.

O acto rematou coa entrega dun ramo de flores a cada unha das homenaxeadas por parte das mulleres da Corporación Municipal e da directora do CIM e psicóloga municipal, Elena Bastos Esxpósito, e a xurídica do CIM, Ana Mª Rodíguez Cabaleiro.

A homenaxe estivo acompañada musicalmente pola fermosa voz da cantante Andrea Pousa.