As obras do polígono de Xinzo de Limia xa están rematadas

A Xunta de Galicia inviste en polígonos industriais 126 millóns de euros na provincia ourensá

Ourense | María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria, mantivo en San Caetano unha reunión de traballo con Luís Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense, xunto coa vicepresidenta primeira Marta Nóvoa para abordar as actuacións que está a desenvolver a Xunta en materia de solo empresarial nesta provincia.

O Goberno galego atende a demanda de Ourense con máis solo industrial para impulsar a implantación de novas industrias ou que as existentes poidan incrementar a súa capacidade produtiva. Lorenzana explicou que as obras para ampliar nun 40 %, ata os 414.000 m2, a superficie do polígono de Xinzo de Limia xa están rematadas e pendentes de recepción por parte do Concello. Ademais, a Xunta continúa avanzando no desenvolvemento doutros parques como é o caso de San Cibrao das Viñas do que hoxe mesmo se adxudicaron as obras de urbanización; ou a ampliación de Pereiro de Aguiar, para a que xa se licitou o contrato de expropiación dos terreos. Tamén se está a avanzar nos polígonos de Carballiño-Maside ou Paderne de Allariz.

En total, en Ourense están en tramitación, urbanización ou execución máis de 2,7 millóns de metros cadrados en polígonos industriais cun investimento de 126 millóns de euros. A conselleira explicou que se trata de reforzar a capacidade de Galicia para competir na captación de investimentos, apoiar o crecemento das empresas que xa están implantadas e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico na Comunidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.