As Neves, concello pioneiro no Condado en alumeado público LED

Con preto de 2.500 puntos e substitución de cadros eléctricos

As Neves | Antes de acabar este 2021 o alumeado público das Neves estará composto íntegramente por luminarias LED, de xeito que este concello será o primeiro do Condado que completará a renovación integral deixando definitivamente atrás o vello ‘sistema’ de vapor de mercurio.

Esta renovación abrangue preto de 2.500 puntos de alumeado, ademáis da substitución dos cadros eléctricos e os treitos máis deteriorados de todo o cableado, o cal supón varios quilómetros.

Culmina, así, un traballo iniciado hai tres anos que tiña coma obxectivo, apunta o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “chegar á totalidade do territorio municipal, retirando as vellas lámpadas obsoletas e contaminantes e colocando no seu lugar luminarias leds de alta tecnoloxía”.

Aforro e redución da contaminación
Rodríguez Méndez recalca que, en conxunto, o novo alumeado “ademais de subir a intensidade e claridade do actual mellorando de xeito considerábel o servizo ás veciñas e veciños, permitirá aforrar ás contas municipais máis dun 70 %, de media, no recibo eléctrico e reducir a emisión de CO2 á atmosfera”.

Do mesmo xeito, están implantados sistemas intelixentes de telexestión enerxética nos ‘cadros da luz’ o que permitirá monitorizar o alumeado en tempo real e xestionalo punto por punto, permitindo regular a intensidade lumínica e programar o acendido e apagado en función das necesidades e das horas nas que haxa luz natural.

O alcalde subliña que o orzamento anual para alumeado público foi este ano de 125.000 euros e en 2022 poderá ser de arredor de 37.500, o cal suporá un aforro de 87.500 euros.

Esta cantidade, sinala o Rodríguez Méndez, irá destinada aos Servizos Sociais, de feito, engade, “no orzamento de 2021 xa se reordenaron 50.000 euros deste aforro no alumeado para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”.

As veciñas e veciños das Neves so aportaron o 17,86% de toda a inversión
A renovación de todos o alumeado público das Neves tivo un orzamento total de 1.106.056,99 euros para os cales o Concello conseguiu unha financiación do 82.14% do total (900.198,77 €), isto supón, salienta o alcalde, que Concello das Neves so inviste un 17,86% (197.550,90 €), “unha cantidade que en 2 anos e medio estará recuperada grazas ao aforro na factura eléctrica”.

O Concello renovou o alumeado municipal.

Rodríguez Méndez, lembra que a maior parte da inversión realizada procede de achegas do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e de fondos europeos, acadados polo Goberno local nos últimos anos.