As Neves acolle o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”

Co apoio da Deputación de Pontevedra

Pontevedra | O programa provincial de concienciación contra as violencias machistas “Mulleres en Acción. Violencia Zero” pasou polo Concello de As Neves, cunha performance a cargo da artista Carmen Méndez, quen baixo o título “Rompendo o silencio” deu voz ás mulleres que sofren todo tipo de violencia psicolóxica. A representación celebrouse na Casa da Auga con restricións de asistencia por mor da pandemia e contou coa presentación da deputada Iria Lamas, e a concelleira de Cultura, Rocío Barreiro. O acto foi retransmitido pola web da Deputación e as RRSS para garantir a súa difusión.

Carmen Méndez, actriz e enxeñeira química, puxo o foco na violencia psicolóxica ao considerala a máis perigosa a causa da súa “sutileza”, que non esperta as alarmas coa mesma intensidade. Coa súa peza pretende abrir os ollos a unha sociedade que garda silencio diante do machismo que latexa baixo todo tipo de situacións de convivencia e animar a rebelarse contra a desigualdade de xénero.

A deputada provincial, Iria Lamas, afirmou que a COVID está no centro de tódalas conversacións, “e fai que esquezamos un pouco a situación das mulleres que sofren malos tratos”. “As medidas de confinamento causaron máis sufrimento porque as mulleres estiveron recluídas coa persoa que as maltrata” afirmou con contundencia Lamas, quen destacou que as estatísticas xudiciais da provincia de Pontevedra que veñen de facerse públicas non deixan lugar a dúbidas. Segundo estes datos, continuou, hai i177 denuncias ao mes só na nosa provincia “o que vén demostrar que queda moito por facer”. Lamas concluíu recalcando que a loita contra a violencia “é unha batalla do día a día e temos que facelo entre todos e todas, nunha labor conxunta”.

Pola súa banda, a concelleira Rocío Barreiro destacou que é unha mágoa que un acto destas características se teña que celebrar en formato telemático. “Estamos agradecidísimos/as coa Deputación e a artista, e ogallá que algún día este tipo de accións non se teñan que levar a cabo porque a violencia de xénero xa non exista”.

“Rompendo o silencio” é unha performance de corte teatral, que nace para dar visibilidade a situacións normalizadas, pero que non son “normais”. Inspirada en testemuños reais da contorna próxima á artista, Méndez representa situacións de violencia cotián que as mulleres sofren no seu propio pel. Para conseguilo, Carmen Méndez reinventa a unha muller que estoura globos ou prende candeas por cada reproche machista. Na súa peza para “Mulleres en Acción. Violencia Zero” denuncia o control telefónico que exerce un rapaz sobre a súa moza ou o silencio que vive unha muller adulta, que vive submisa e con medo baixo a “autoridade” do seu marido controlador.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 “Mulleres en Acción. Violencia Zero” contará con outras 19 actividades, das que dúas serán performances; dúas, intervencións murais, catro, accións de danza contemporánea; cinco, accións escénicas, cinco, musicais e, finalmente, unha acción poética.