As mulleres do Camiño Portugués, protagonistas en FITUR

Da man do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
‘Mulleres do Camiño Portugués’ presentouse na edición 2022 de Fitur.

Madrid | O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño regresou por terceiro ano consecutivo a FITUR para seguir dado a coñecer o territorio dos seus 14 concellos e todos os aspectos que os definen e os unen.

Este ano o Xeodestino pon en marcha unha campaña que cede o protagonismo ás ‘Mulleres do Camiño Portugués’, unha orixinal proposta que conta coa narración coral de cinco mulleres vinculadas profesionalmente ao mundo do turismo que contan en primeira persoa a importancia que ten para os municipios do Camiño de Santiago. Mar Rodríguez, de Teetravel; Lucía Fragata, de Turismo de Baiona; Noelia Martínez, de Casa do Marqués; Patricia Muñoz, de Amodo Turismo; e Rosalía Verde, de Turismo A Guarda, dan voz a un atractivo que cada ano trae a miles de turistas ao xeodestino.

“O desenvolvemento sostible do turismo ligado ao Camiño Portugués ten unha importancia social, cultural e económica innegable no noso territorio. E elas son todas mulleres traballadoras que axudan a transformar e mellorar o noso atractivo turístico, por iso non podemos máis que darlles as grazas”, recordou durante a presentación no stand de Galicia en FITUR a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

A rexedora salientou no acto que “tecendo estratexias conxuntas somos mellores, máis eficientes e xeramos sinerxías que son imprescindibles para recoñecernos como un territorio común. Un territorio que tedes que coñecer. Non vos arrepentiredes”. O acto tamén contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do rexedor de Gondomar, Paco Ferreira, e de concelleiros dos municipios de Pazos de Borbén e Nigrán.

A nova campaña conta cun vídeo promocional no que todas as protagonistas, que coñecen e tratan con peregrinos e peregrinas no seu quefacer diario, contan a súa experiencia persoal e as vantaxes do territorio. O Camiño Portugués segue a medrar ano tras ano coa chegada de viaxeiros e viaxeiras que dende o aeroporto de Porto, principal vía de entrada, inician unha experiencia de calidade e unha viaxe para non esquecer.

Na presentación participaron, ademais das protagonistas, Silvana, que xestiona un albergue privado para peregrinos e peregrinas en Tui, e Vanesa, que traballa nun da rede pública de albergues do Camiño Portugués no concello de Mos. Todas elas destacaron todo o que ten que ofrecer o Xeodestino para aquelas persoas que chegan a peregrinar: dende patrimonio cultural ou a riqueza natural e patrimonial ata o servizo de calidade en todos os eidos, a gastronomía, o trato coa xente.

Con esta campaña FITUR volveu coñecer parte da bagaxe e dos produtos turísticos de calidade baseados nos recursos, identidade e tradición do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, composto por 14 concellos: A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui.

A pesar das diferentes realidades de todos estes municipios, o xeodestino consigue aglutinalos a todos para unha xestión turística unificada, optimizando recursos e creando produtos turísticos diferenciados.