Begoña Caamaño, referente na radio e na cultura galego-portuguesa.

Santiago Veloso Troncoso | A celebración das Letras Galegas está nas ondas máis novas despois da conmemoración das cantadeiras e da nosa literatura oral do pasado ano 2025. Se ben a anterior celebración constituiu unha homenaxe coral ás mulleres portadoras da tradición oral, neste ano céntranse nunha voz única, que representa unha forma de entender o noso presente, a de Begoña Caamaño.

Ponte…nas ondas! publicou na celebración das mulleres cantadeiras e da literatura oral un Cancioneiro galego-portugués que serviu para que as nosas letras traspasasen fronteiras coas cantigas que aínda hoxe se cantan alén e aquén do Miño e noutros espazos da lusofonía ou galeguía, como propón o escritor angolano Pepetela. E esas voces que chegaron até nós a través da transmisión oral, hoxe recompiladas en diversos cancioneiros, teñen na publicación de Domingo Blanco e Carlos Nogueira unha análise rigurosa e comparativa das letras que se mantiveron semellantes nesta Eurorrexión, nunha lingua que foi tamén no pasado unha referencia literaria en Europa. A disposición pública en (https://pontenasondas.org/cancioneiro/).

E dunhas voces plurais vimos ao encontro dunha voz literaria nacida a partir do xornalismo, e máis especificamente do radiofónico, ese que ten na voz e na oralidade o seu ADN. Falamos de Begoña Caamaño, a moza de Lavadores que encontrou nas ondas o seu espazo vital e que foi unha das locutoras da Radio Galega, que desde 1985 comezou a emitir. Xusto dez anos despois nacía Ponte…nas ondas! que daba oportunidades á xente máis nova de achegarse ao medio radiofónico a partir dun “experimento” interescolar que unía unha fronteira a través das ondas da radio.

“Desde Ponte…nas ondas! vemos a Begoña Caamaño como un referente na radio e na cultura galego-portuguesa”

Desde Ponte…nas ondas! vemos a Begoña Caamaño como un referente na radio e na cultura galego-portuguesa, dous espazos nos que se moveu e que dignificou, ademais do feminismo e o antimilitarismo. Eis o exemplo para as novas voces que erguen cada ano unha ponte por riba das fronteiras. E para achegar o seu testemuño, na xornada do radiovisual interescolar celebrada o pasado 24 de abril, achegamos a súa obra ao outro lado do Miño, coas voces de mulleres que a coñeceron ben como Uxía, Mª Xosé Porteiro ou a súa irmá Bea Caamaño, nunha conversa conducida desde o instituto Alexandre Bóveda (centro “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial) polo xornalista X.M.Diego e pola profesora Irma Silva . Poden escoitar “A radio de Begoña” en www.pontenasondas.org

Santiago Veloso Troncoso. Coordinador de Ponte…nas ondas !

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.