As filloas, premiadas no concurso de tapas de Quiroga

Participaron nove establecementos de hostalería

Quiroga | O Mesón Escaleira foi o gañador do concurso Quiroga de Tapas, que se celebrou entre o 6 e o 15 de abril. A tapa coa que triunfou o Mesón Escaleira chámase “Filloas recheas con sabores da terriña” e foi a preferida por 41 dos clientes que participaron na votación. O Mesón Ferreiriño tivo 37 votos.

No reconto de votos participaron o alcalde, Julio Álvarez, o concelleiro de Xuventude, Luís Manuel Arias, e a delegada na zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Beatriz Vila. Tras o sorteo, o concelleiro de Xuventude e a representante da asocación provincial de hostaleiros acudiron ao Mesón Escaleira para entregarlle unha placa conmemorativa aos seus propietarios.

Durante os dez días que durou o concurso, 223 persoas depositaron as tarxetas cubertas cos seus nomes e cos seus votos. No concurso participaron este ano nove establecementos de hostalería de Quiroga. Ademais dos citados, o bar Matrioshka, a Adega da María, o bar O Portón, a cafetería A Botica, A Taberna, O Rego Gastrobar e o bar Chapakuña3.

Os clientes que votaban a mellor tapa tiñan que incluír tamén os seus datos persoais na tarxeta o que lles permitirá entrar nun concurso dotado con numerosos premios.