As especifidades da crise da vivenda na Galicia.

Cadernos da viaxe.

A crise habitacional que hoxe enchoupa as nosas áreas urbanas -con epicentros de alta tensión na Coruña, Vigo ou na Compostela que vive arestora os excesos do turismo de peregrinación- sitúanos diante dunha encrucillada histórica que vai máis aló da simple xestión do solo. Atopámonos diante dun debate conceptual profundo, de raiz mesmo fundacional (constitucional e estatutaria), a respecto do modelo de sociedade que queremos edificar. Fronte á lóxica do beneficio financeiro ilimitado que converteu un ben de primeira necesidade nun activo puramente especulativo, cómpre afirmarmos a prevalencia do dereito á vivenda digna de todas as persoas. A propiedade privada cumpre, por mandato constitucional, unha función social que delimita o seu contido.

E, xa que logo, ha de se subordinar a respecto do dereito á vivenda digna, á libre honrada chouza, que escribiu o noso poeta nacional Ramón Cabanillas. E afirmarmos este dereito nunha Galicia que padece a absoluta falla xa non só política de vivenda, senón de simple previsión do que se nos viña enriba, ao longo dos dezasete anos de governos de Feijóo e Rueda.

Porén, a singularidade sociolóxica de Galicia esixe fuxir de esquemas analíticos importados de realidades alleas e coñecermos a nosa realidade específica. O noso mercado do aluguer non está maioritariamente nas mans dos grandes fondos voitre ou das SOCIMIS que tensionan os prezos en Madrid a medio de estratexias deshumanizadas de captación do mercado. O verdadeiro drama do noso país reside nun paradoxo que o Instituto Galego de Estatística (IGE) pon no foco: conviven prezos prohibitivos nas cidades con máis de medio millón de inmobles baleiros. Moitos-si-no rural e nas periferias menos tensionadas, mais tamén unhas 20.000 na Coruña e unhas 13.000 en Vigo (*). A carón disto o Estado, a medio da SAREB, conta con 1763 no conxunto do país, das que 221 na Coruña e 49 en Vigo. (**) O stock de vivendas baleiras propriedade dos Bancos engadiría outras 4000 vivendas, segundo fontes solventes.

“A singularidade sociolóxica de Galicia esixe fuxir de esquemas analíticos importados de realidades alleas e coñecermos a nosa realidade específica”

Velaí que enxergar solucións eficaces ao problema da vivenda na Galicia non habería pasar pola demonización simplista dos pequenos propietarios. O caseiro tradicional galego non é un axente especulador nin un inimigo de clase; decote trátase de familias de clase media e traballadora ou pensionistas que dispoñen dunha segunda vivenda-e moitas menos veces unha terceira- como un mecanismo de aforro que complementa dignamente pensións que seguen a estar á cola do Estado. E compre lembrarmos que o 80% das vivendas alugadas son propriedade de persoas físicas residentes, un 6,6% de sociedades limitadas, de alicerce personalista e só un 0,75% de S.A e SOCIMIS e semellantes (***), de alicerce propiamente capitalista.

Criminalizar este amplo sector sociolóxico sería un diagnóstico errado da nosa nestrutura social. A verdadeira solución acaída ao problema da vivenda en Galicia pasa, de xeito inevitábel, pola artellamento dun grande pacto social das Administracións coas persoas inquilinas e pequenas propietarias. Un acordo que é hoxe fulcral para a propia convivencia democrática e a paz social nas nosas vilas e cidades.

Este pacto ha ser liderado e arbitrado dende os concellos. As políticas locais han de se centrar en xerar incentivos intelixentes. A creación de Bolsas de Aluguer Municipais onde as Administracións exerzan como avalistas públicas garantindo o cobro puntual da renda aos pequenos aforradores e a restitución dos inmobles alugados em boas condicions de uso. Pola súa banda, as pequenas propietarias haberán asumir rendas estábeis e accesíbeis para a cidadania demandante. A suba do IBI aos máximos legais posíbeis-e cómpre incrementalos por riba do máximo actual do 1,50% a medio da reforma da lexislación estatal de facendas locais- para as vivendas baleiras e maila restrición moi subsancial das vivendas de uso turístico nas zonas de aluguer tensionado haberían completar estas medidas.

Contar cun patrimonio público de vivenda para aluguer e contar, a medio dos pequenos propietarios inseridos nas Bolsas de Aluguer municipais, dun parque de vivenda concertada para o aluguer serán ferramentas moito máis decisivas ca a lenta construción de vivendas de protección autonómica que: i) exclúen moi amplos sectores sociais que só poden acceder ao aluguer e non a mercaren unha vivenda e ii) destinan recursos públicos á construción de vivendas que, a medio da fraude nos primeiros anos e da descualificación xurídica das vivendas como protexidas nos seguintes, irán en último de contas ao sector privado libre.

A vivenda ten de ser prioritariamente un dereito e non un negocio. Modelos de bo suceso como o de Viena demostran que é posíbel prover este dereito. Mais a súa protección esixe intelixencia estratéxica no canto de fronteiras artificiais.

(*), (**) e (***) Dados todos do IGE e INE analisados nunha reportaxe de Xacobe Ferreiro en Nos Diario.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.