As Comunidades de Montes de Arcos e Ponteareas vixían A Picaraña para evitar incendios

Ante o alto risco de incendios as comunidades contan cun sistema de control no propio monte que se prolongará mentres se manteñan as altas temperaturas

Ponteareas | As Comunidades de Montes de Ponteareas e Arcos iniciaron a vixilancia do monte da Picaraña e así continuarán mentres a situación de risco de incendio se manteña polas altas temperaturas. Ducias de voluntarios e voluntarias de ambas as dúas parroquias colaboran desinteresadamente nesta actividade preventiva.

O alto risco de incendios existente levou aos comuneiros das dúas parroquias a establecer un operativo de vixilancia e control no propio monte. O dispositivo permite controlar os accesos rodados e a vixilancia permanente dende diferentes puntos estratéxicos.

As altas temperaturas unidas á abundante vexetación existente fai que a alerta sexa máxima entre as comunidades veciñais. As Comunidades piden á veciñanza que na medida do posible se absteñan de acudir á Picaraña e aos montes mentres se manteña esta situación, pola súa propia seguridade e para dificultar a acción das persoas incendiarias.

As Comunidades veñen organizando estes operativos dende hai máis de dez anos. Por outra banda, as CMVMC teñen dispoñíbeis tamén os seus equipos e ferramentas de intervención e extinción para poder actuar de inmediato ante calquera foco de lume, uns medios que xa resultaron moi útiles e eficaces nos lumes de 2017 cando ducias de voluntarios e voluntarias foron capaces de frear a chegada do lume ás Chans da Picaraña.

As persoas interesadas en colaborar nesta actividade poden contactar coas comunidades en parroquiadearcos@gmail.com ou 628367616.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.