As batallas da Mesa.

A Mesa Pola Normalización Lingüística deu moitas batallas, unhas con éxito como os tiróns de orellas da ONU e do Consello de Europa á Xunta e ao Estado español, polo incumprimento grave dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega, porén que apenas -ou nada- foi difundido polos medios de comunicación refractarios ao galego.

Ou como a iniciativa “Xabarín”, recentemente aprobada no Parlamento galego por unanimidade, para que a TVG emita programación infantil en galego, para que a Xunta propicie que as plataformas dixitais de televisión emitan contidos en galego (como xa se fai noutras nacións do Estado con lingua de seu) e para que poidamos receber en Galiza as emisoras de radio e televisión portuguesas.

Porén a Mesa deu moitas máis batallas a prol da nosa lingua e do noso dereito colectivo a vivirmos en galego, con maior ou menor éxito: en defensa da nosa toponimia legal, da etiquetaxe en galego e das relacións comerciais en galego,… Son un socio orgulloso da Mesa pola Normalización Lingüística, que forma parte da Plataforma “Queremos Galego” e que conta cun importante apoio popular e o de numerosas forzas políticas e sindicais de Galiza.

“Porén a Mesa deu moitas máis batallas a prol da nosa lingua e do noso dereito colectivo a vivirmos en galego, con maior ou menor éxito: en defensa da nosa toponimia legal, da etiquetaxe en galego e das relacións comerciais en galego,…”

Co noso idioma podemos descobrir -e incluso enriquecer- o valioso tesouro da nosa cultura. Difundila e coñecela é un dereito que vos animo a exercitar. E remato desexando o mesmo que Cunqueiro: Mil primaveras máis para o galego e para a cultura de noso!

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.