Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra celébrase en Sober o 21 de agosto

No Santuario da Nosa Señora das Cadeiras

Sober | A Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza o próximo sábado 21 de agosto en Sober o evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, co obxectivo de impulsar a comercialización do feito a man e dar difusión aos oficios tradicionais.

A iniciativa, na que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, estará aberta ao público nos pendellos do Santuario da Nosa Señora das Cadeiras desde as 11:00 ata as 21:00 horas.

Así, entre no evento poderanse atopar pezas de olería, madeira, téxtil, xoguetes artesanais, xoiería, traxe tradicional e coiro. Cabe destacar a presenza de representantes de tres dos centros de olería tradicional que continúan activos en Galicia, como son Gundivós (Sober), Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Buño (Malpica de Bergantiños).

Entre os obradoiros participantes, moitos deles asentados na Ribeira Sacra e na súa reserva da biosfera, atópanse Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo); Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños); Armaior e Enxógate (Quiroga); Artesanía do Caurel (Folgoso do Courel); Bangus (Ourense); Elías de Gundivós e Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra (Sober); En lá (Monforte de Lemos); Isabel e a arte (Vilalba); Lucecús (Guitiriz); Lumecú (Vilar de Santos); Macala (Santiago de Compostela); Moura (Maceda); Nobelo a nobelo (A Estrada); Olería do Batán (Baños de Molgas); e Senda Coiro (A Pobra de Brollón).

Ao longo de toda a xornada celebraranse tamén catro obradoiros gratuítos e abertos ao público para achegar os oficios artesanais á sociedade, especialmente aos máis pequenos, e contribuír así a visibilizar a marca Artesanía de Galicia.

Así, os artesáns Susana González, de Terralume (A Coruña), e Antón Román (Gondomar) impartirán un taller de iniciación ao torno cerámico.

Pola súa parte, María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) realizarán un obradoiro de creación de cianotipias e outro sobre a técnica de estampaxe xaponesa shitotaku.

A artesá Iria Ribadomar, do obradoiro Deica! (Santiago de Compostela), estará á fronte dun de debuxo.