Artelemos, unha aposta decidida do Concello de Monforte pola artesanía de calidade

Monforte celebra a 22 edición do 5 ó 9 de agosto

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, presentou ante os medios de comunicación o cartel anunciador e o programa da XXII Mostra de artesanía Artelemos 2022, que se celebrará en Monforte do 5 ó 9 de agosto, e “sendo, como cada ano, a antesala das festas patronais da cidade, dentro do noso programa cultural de verán, abrindo o mes de agosto con este recoñecemento e promoción dos nosos artesáns.”

“Tras dous anos de ausencia, dende o Concello volvemos a apostar decididamente por esta Mostra, dentro do meu compromiso como Alcalde de recuperar todo o calendario de actividades deste ano. E especialmente apostamos por unha Mostra de artesanía que este Equipo de Goberno recuperou, como recordarán, no Nadal do ano 2015, tras anos de ausencia, dende que desaparecera a Fundación Comarcal Terra de Lemos, que a organizou entre os anos 1996 e 2011” recordou José Tomé. Dende o ano 2015, Artelemos celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos.

Nesta mostra participarán de 23 profesionais da artesanía da comarca de Lemos, así coma outros puntos de Galicia e de España, que, coma en anos anteriores, ubicaranse na rúa Cardenal, en postos de exposición e venda individuais e agrupados en 6 haimas de 25m2 cada unha, con espazo para 4 artesáns por carpa. A maiores colocarase un espazo destinado á realización de obradoiros e demostracións de oficios.

Todos os postos contarán con tarima, iluminación e rotulación promocional de cada un deles, quedando pechado cada posto ás 22:00 horas, e con vixilancia nocturna para garantir a seguridade das pezas expostas.

O horario durante os 5 días que durará a Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10 a 14 horas, e pola tarde de 18 a 22 horas. O Concello destinou un orzamento de arredor de 12.000 euros para a organización desta 22ª edición de Artelemos.

Artelemos, unha mostra consolidada que aposta pola artesanía
Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no noso territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.

“Con esta mostra”, sinala o alcalde, “contribuímos a dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”.

O obxectivo de Artelemos é achegar a artesanía local á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais que os clientes esperan atopar: coiro, cestería, barro, olería, pintura, complementos, xoiaría, xoguetería, cerámica … En definitiva, unha inmellorable ocasión para atopar pezas únicas e de gran calidade, xa que todos os artesáns participantes contan con acreditación profesional.

Na mostra, que será inaugurada o venres 5 de agosto ás 11:30 h da mañá e coa actuación do Grupo Municipal de Gaitas do Concello, ademais dos 23 stands adicados á artesanía, poderemos ver en vivo a elaboración de pezas, con diversas demostracións ao longo dos días de duración do evento.

Tamén haberá diferentes obradoiros para cativos/as coma se pode ver no programa de cada día. Estas actividades, que son un complemento á propia mostra, organízanse ano a ano porque sempre acadaron un notable éxito entre o público asistente.

O alcalde concluíu a súa intervención animando a “todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que nos visitan nestes días de verán, a que se acheguen a visitar esta 22 edición de Artelemos no Cardenal, e que se aposten polos produtos artesáns que alí se atoparán, que contan con todas as garantías de fabricación e de calidade. Porque apostar polos artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e a nosa cultura”.

Programación 22ª Mostra Artelemos 2022
Venres 5 de agosto:
10:00 h.- Apertura de Stands de venda.
11.30 h.- Inauguración oficial da 22ª Mostra Artelemos. Actuación Grupo Municipal de Gaitas.
12:00 a 14:00 h.- Demostración Olería de Gundivós.
18:00 h.- Apertura de Stands de venda.
19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de Cestería para nenos e nenas.
20:30 a 22:00 h.- Demostración Olería de Gundivós.

Sábado 6 de agosto:
10:00 h.-Apertura de Stands de venda.
12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de barro para nenos e nenas.
18:00 h.- Apertura de Stands de venda.
19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de barro para nenos e nenas.
Domingo 7 de agosto:
10:00 h.- Apertura de Stands de venda.
12:00 a 14:00 h.- Demostración de estampación “Cianotipia”.
18:00 h.- Apertura de Stands de venda.
19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de Cianotipia para nenos e nenas.
Luns 8 de agosto:
10:00 h.- Apertura de Stands de venda.
12:00 a 14:00 h.- Demostración Obradoiro de Encaixe de palillos.
18:00 h.- Apertura de Stands de venda.
19:00 a 21:00 h.- Demostración Obradoiro de Encaixe de palillos.

Martes 9 de agosto:
10:00 h.- Apertura de Stands de venda.
12:00 a 14:00 h.- Demostración Olería tradicional da Ribeira Sacra.
18:00 h.- Apertura de Stands de venda.
19:00 a 21:00 h.- Demostración Olería tradicional da Ribeira Sacra.
19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de Olería para nenos/as.