Artai de Normandi revalida título na Semana Verde de Silleda 2026

Este semental de Pura Raza Galega volve gañar na categoría de Concurso Morfolóxico Oficial

Silleda | Este semental de Pura Raza Galega de cor castaña que vive no Concello das Neves volve gañar na categoría de sementais no Concurso Morfolóxico Oficial que organizou a Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) no marco da 48ª Feria Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Fillo de Cuquiña de Normandi e de Amoro e neto de Cuca XIV e Pitufo I e de Portociña e Morito, naceu hai catro anos na gandería de Pedro Pardo Pino en Viveiro. Con só un ano de idade foi baixado do monte e adquirido por Fernando Groba Bouza para ser amansado e criado como cabalo de sela e semental de cubrición en pureza racial.

O criador ponteareán e actual propietario salienta que Artai é un exemplar que presenta unhas características morfolóxicas moi xenuínas e así llo teñen dito nos concursos. “Trouxen o Artai cando o seu anterior propietario, Pedro Pardo, compartiu unhas fotografías do poldro nun grupo de persoas criadoras que a asociación ten no Whatsapp. Foi velo e namorarme das súas liñas. Un poldro redondiño, cunha verticalidade das extremidades realmente boa, unha cabeza cun perfil recto e unha lixeira concavidade que rozaba a perfección, unha pelaxe castaña moi bonita sen despigmentacións brancas… O que menos me gustaba era que semellaba que tiña as orellas algo grandes e demasiado xuntas por ter unha fronte algo estreita. Mais, ao crecer, iso mudou para mellor”.

Por agora, este cabalo nevense leva gañados dous concursos de dous aos que se presentou. Xa que logo, augúraselle unha boa traxectoria nos concursos de morfoloxía. Ademais, tamén é un bo semental, xa que, tan só dous días despois de revalidar o título de Silleda, foi pai dun poldriño que tamén presenta boas maneiras.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.