“Arquitecturas de Referencia” en Galicia e Norte de Portugal

Mondariz Balneario reuniu a expertos transfronteirizos no I Seminario Atlántico sobre esta materia

Mondariz Balneario | O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Ordem dos Arquitectos Secção Regional do Norte de Portugal celebraron este 16 e 17 de outubro, o I Seminario Atlántico “Arquitecturas de referencia” no Balneario de Mondariz (edificio Palacios), un encontro de obra recente no eixo atlántico ibérico sobre concursos de arquitectura en Galicia e Norte de Portugal, organizado co patrocinio da empresa Exlabesa e a colaboración do Concello Mondariz Balneario.

O evento foi inaugurado polo decano do COAG, Luciano G. Alfaya; o alcalde de Mondariz Balneario, César Gil Bernárdez; o presidente Ordem dos Arquitectos Secção Regional do Norte de Portugal, Bruno Marques; e o presidente da Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Manuel Martínez Carazo. O escenario escollido para a súa celebración foi o complexo do Balneario de Mondariz, que ampliou e transformou o principios do século XX o arquitecto porriñés Antonio Palacios.

Luciano Alfaya destacou que este primeiro seminario propón unha mirada transversal sobre os modos de habitar, deseñar e construír o territorio. Segundo explicou, a súa celebración alternarase un ano en Galicia e outro en Portugal, establecendo así unha liña de colaboración permanente coa Ordem dos Arquitectos Secção Regional do Norte de Portugal.

Luciano Alfaya incidiu nas vontades dos concursos de arquitectura “para traballar de forma eficiente, transparente e con criterios profesionais de calidade” nos proxectos de arquitectura en beneficio da sociedade. En canto ao custe de redacción de proxectos, o decano defendeu que non se pode facer un traballo a calquera prezo, facendo fincapé na Lei de Calidade da Arquitectura, onde se declara a arquitectura como un ben de interese xeral, e reclama “uns honorarios dignos para garantilo”, fuxindo das baixas económicas que carrexan problemas futuros.

“Arquitecturas de referencia é un encontro que pretende xuntar o que está a ocorrer no norte de Portugal e en Galicia, pero a través dunha escolma moi particular que xorde dos proxectos de concursos de ideas. Esa arquitectura que non é obxecto dun contrato directo, senón que sae dunha selección previa na que se analiza cal é a resposta do arquitecto ou da arquitecta a proxectos de diferentes tipoloxías, como a do espazo público, patrimonio, o dotacional, a vivenda, a saúde. Estes son os eixos sobre os que se artella o debate destes dous días, ademais de explicar esas arquitecturas de referencia, eses proxectos singulares, abordaremos as vantaxes e inconvenientes que pode ter un concurso de proxectos como tal; e, sobre todo, buscaremos seguir mellorando ese sistema de contratación por concursos de ideas que desde o Colexio de Arquitectos de Galicia defendemos”, apuntou.

O decano do COAG destacou que moitos dos problemas que hai en Galicia están tamén en Portugal, cun sistema de contratación complexo no que durante moitos anos foi difícil definir ben os custos da construción, os custos de redacción de proxectos, os honorarios profesionais e os servizos de arquitectura. “Nesta loita, nesta idea de escoller arquitectura non polo prezo, senón pola calidade, estamos xuntos, tanto os arquitectos portugueses como os galegos, pero en xeral todos os arquitectos europeos”, engadiu.

Ademais, Alfaya explicou que esta xuntanza en Mondariz Balneario faise porque representaba moito deste significado de arquitecturas de referencia tamén co norte de Portugal. “Durante anos, houbo transvasamento de persoas entre os dous territorios. Tanto o balneario de Mondariz como o de Vidago eran moi importantes. Igualmente, esa arquitectura de Antonio Palacios, un firme defensor dos concursos, é esencial para que agora nos acolla este edificio para reflexionar sobre este asunto”, subliñou.

Na súa primeira edición, este seminario, no que participaron aproximadamente un centenar de persoas, busca ser un referente na difusión dos valores e aportacións da arquitectura mediante a exposición e o debate das obras resultantes dos concursos en Galicia e no norte de Portugal. Con este evento, inaugúrase un encontro fundamental de obra recente enfocado en todo o eixo atlántico ibérico, unha realidade extensa, fragmentada e complexa que será obxecto de análise e debate ao longo de cinco mesas temáticas:

1. Espazo público (venres-16), coa participación dos arquitectos Hugo Araújo, RVR Arquitectos, Carlos Pita e João Paulo Loureiro, nunha mesa de debate sobre rúas, prazas, paseos e espazos urbanos moderada pola arquitecta Cristina García Fontán.

2. Espazos para a saúde (venres-16), coa participación dos arquitectos Ezcurra e Ouzande, Iglesias Veiga, Manuel Vázquez Muíño e BCA Arquitectura, nunha mesa de debate sobre arquitectura sanitaria e asistencial moderada polo arquitecto Jaime Blanco Granado.

3. Espazos dotacionais (venres-16), coa participación dos arquitectos LIQE Arquitectura, LCG Arquitectura, Baile Menduiña, Helder Ferreira de Carvalho Arquitectura e Desing, nunha mesa de debate sobre equipamentos educativos, culturais e administrativos moderada polo arquitecto Juan Prieto López.

4. Patrimonio e intervención (sábado-17), coa participación dos arquitectos Abalo e Alonso, Daniel Magide, Alfonso Penela Fernández e Caiano & Morgado, nunha mesa de debate sobre rehabilitación e intervención sobre o construído moderada pola arquitecta Luz Paz Agras.

5. Vivenda colectiva (sábado-17), coa participación dos arquitectos Müller-Feijoo Arquitectura, Domohomo Desing, Irisarri-Piñera e Mass Lab, nunha mesa de debate sobre vivenda pública e privada de interese arquitectónico moderada pola arquitecta Silvia Blanco.

A clausura estivo a cargo da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

ProxectoTERRA vincula patrimonio e paisaxe
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Xunta asinaron o convenio de colaboración do ProxectoTERRA –programa de cooperación co mundo da educación, arquitectura, paisaxe e territorio de Galicia, coa finalidade de abrir novas liñas de actuación en sensibilización, concienciación, formación e divulgación sobre a paisaxe e o dereito ao hábitat.

Para este fin estableceuse unha programación de actuacións para os cursos académicos 2026-2027 e 2027-2028 no marco da educación Primaria e Secundaria e a formación do profesorado, como potenciar o programa de formación continua da cidadanía “Xentes, Espazos e Lugares” (XEL)

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.