Arbo homenaxeará ao concelleiro Telmo Rodríguez, asasinado en novembro de 1936

Será o vindeiro domingo 6 de novembro na súa casa no barrio da Curuxa (Barcela)

Arbo | O vindeiro domingo 6 de Novembro ás 11 horas terá lugar o acto de homenaxe a Telmo Rodríguez Alonso, veciño de Arbo e elexido, nos comicios locais do ano 1936, concelleiro de Izquierda Republicana na corporación de Arbo. asasinado xunto a 10 homes máis na Volta do Couto, en Tenorio, Cotobade, en novembro de 1936.

Descubrirase unha placa conmemorativa na súa casa, no barrio da Curuxa na parroquia de Barcela (Arbo, Pontevedra).

O acto comezará co encontro da familia de Telmo Rodríguez Alonso, amigos e amigas da familia e veciñanza e simpatizantes da República.

As intervencións correrán a cargo de:
Grupo pola Recuperación da Memoria Histórica de Arbo
Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH)
Familia de Telmo Rodríguez Alonso.

Durante o acto contaremos coa interpretación por parte de músicos arbenses de diferentes pezas musicais.

Telmo Rodríguez Alonso nacera na Torre, en Barcela. O seu pai era zapateiro, era unha familia humilde. Telmo sempre fora unha persoa dinámica, con ganas de facer cousas, pensando nos seus e tamén nas persoas da parroquia, na súa calidade de vida. Para mellorar a súa vida e da súa familia, emigrara a Cuba.

O tempo que pasou na illa serviulle para facer algo de diñeiro e que os seus 3 fillos e a súa dona, puideran vivir dignamente. Pero o paso por Cuba non impediu que Telmo Rodriguez Alonso pensara tamén na súa querida parroquia de Barcela. El foi un dos principais promotores para construir o cemiterio. El estaba no grupo de veciños que se moveu para conseguir os fondos necesarios para ter un lugar digno para o “descanso eterno”.

A volta de Telmo Rodrigez para Arbo fora unha alegría para toda a familia. A familia ampliárona, pois no ano 1935 naceu o seu fillo varón Manolo, aínda vivo na actualidade. E o ben común seguiuno buscando: de feito Telmo faise militante de Izquierda Republicana e desde febreiro de 1936 é nomeado concelleiro, membro da Corporación Municipal.

O levantamento militar do 1936 preocupáballe a Telmo Rodriguez Alonso polo que significaba de ser contrario á Lei, á orden lexítima e democráticamente establecida. Cando os sublevados van a buscar a Telmo á casa, el non estaba agochado, el non fuxira, el non tiña preparada as armas para se defender. Telmo, ese día de principios de agosto de 1936, cando os falanxistas van á súa casa, fora regar un campo de millo.

Foi preso, e xa nunca volveu ser libre. Primeiramente levárono para os improvisados calabozos do concello de Arbo. Alí conviviu varias semanas con ducias de detidos. Telmo foi trasladado á Lazareto de San Simón, na Ría de Vigo. Alí estivo aproximadamente 15 días.

Emérita esperou xustiza para que deixaran ao seu marido libre, pero non se produciu. O que ocorreu foi unha barbarie: o día 8 de novembro, Telmo e 10 homes máis, entre os que estaban 3 veciños e amigos de Arbo (Alfonso Alonso, Juan Alonso e José Gómez), e 7 compañeiros de Lalín, foron sacados do Lazareto e “paseados” en Tenorio, na Volta do Couto: non había crimes dos que acusalos, non había probas de maldades que non cometeran, non houbera xuízo que os castigara, so había odio, exterminio selectivo e ausencia de moral. Foron baleados os 11.

Atrás ficaban historias que xa non se ían contar, ou que tardarían ducias de anos en seren contadas. No caso de Telmo, a historia empeza a contala Eugenia, a súa filla, 75 anos despois, cando xunta documentos, historias e forzas para tentar encontrar a verdade, e encontrar ao seu pai. Eugenia, coa axuda dos seus fillos, coa colaboración doutras familias, como a de Alfonso Alonso, e das familias dos compañeiros de Lalín, vai a Tenorio e fala coas persoas maiores e descubre cousas.

Fálanlle das leiteiras que ían co leite recén muxido a Pontevedra e ao chegaren ao Couto encontran na cuneta uns cadáveres. E cóntanlle como esas leiteiras buscaron un carro de bois para levar a aqueles homes de alí. E como os levaron a unha foxa común á porta do cemiterio de Tenorio.

No ano 2009 a ARMH, despois de realizada a investigación realizou a prospección nese lugar. Desgraciadamente non foron atopados os homes enterrados nesa foxa común debido ás diferentes obras realizadas no cemiterio. Eugenia e toda a familia, os seus dous irmáns, os 6 netos de Telmo e os seus 13 bisnetos, querían que os restos de Telmo foran levados ao cemiterio que el axudou a construir. Querían ter un lugar onde levar flores para recordar que a memoria de Telmo, a súa figura e a súa vida seguían en pé despois de tantos anos.

Pero quedan os actos de recoñecemento e memoria como este que se celebrará o domingo 6 de Novembro na súa casa natal, no barrio da Curuxa, en Barcela (Arbo)

PARA MAIS INFORMACIÓN: memoria.historica.arbo@gmail.com

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos