Aprobado en pleno o convenio para a ampliación e reforma da depuradora de Ponteareas

Contempla un investimento de 11,7 millóns € para rematar as obras en 2021

Ponteareas | O pleno de Ponteareas reuniuse o pasado martes para tratar distintos asuntos de importancia para a vila. Entre eles, destaca a aprobación por unanimidade do convenio de colaboración para a ampliación e reforma da depuradora do municipio.

As catro forzas políticas representadas votaron a favor do acordo do Concello coa Xunta de Galicia e o Estado, que permitirá levar a cabo as obras de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais da Moscadeira, dando así solución a un dos problemas históricos máis graves da vila, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural.

O convenio contempla un investimento de 11,7 millóns de euros para a execución e explotación destas actuacións de saneamento e depuración, financiados ao 50% polo Estado con fondos europeos, ao 30% polo Concello e ao 20% pola Xunta.

As obras tamén contemplan a mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora. Todas estas actuación deberán estar rematadas en 2021.

Durante o pleno tamén se aprobaron os días festivos para o ano 2022, acordados previamente coas asociacións de comerciantes da vila, e que serán o 20 de xuño e o 29 de setembro.

Outro dos asuntos relevantes que se discutiron no pleno foi a moción de urxencia presentada pola concellaría de Educación, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, para solucionar a falta dun traballador social no centro de educación especial Saladino Cortizo. Foi aceptada, e todos os partidos aceptaron reclamar o máis rápido posible a ocupación desta praza e tamén solicitar que ese posto non sexa amortizado nin por baixa nin xubilación, xa que é imprescindíbel no centro educativo.