APRAFOGA critica o anteproxecto de Lei básica dos axentes forestais

Considerou que a súa aprobación "suporía un retroceso importante en canto ás funcións deste colectivo"

Santiago de Compostela | A Asemblea de APRAFOGA manifesta o descontento do colectivo de axentes forestais e medioambientais coa actual redacción do Anteproxecto de Ley Básica de Agentes Ambientales proposto polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

O devandito anteproxecto regulará as competencias do colectivo dos Axentes Forestais e Medioambientais de todo o estado español, pero a realidade é que a súa aprobación suporía un retroceso importante en canto ás funcións deste colectivo na protección do medio ambiente.

APRAFOGA, asociación que representa aos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia, amosou xa durante a xuntanza da asamblea do pasado decembro o seu rexeitamento a este anteproxecto de lei básica.

O motivo é que nin clarifica as funcións dos Axentes en canto á prevención e extinción de incendios forestais, nin menciona as múltiples funcións desempeñadas en canto á xestión forestal. Ademais, tampouco simplifica a loita contra os múltiples delictos contra o medio ambiente (incendios, furtivismo, verquidos, etc..) que ocorren todos os días no territorio.

A Ley Básica de Agentes Forestales y Medioambientales proposta polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico demostra unha débil aposta de cara a establecer unha lei que defenda e protexa de xeito claro a un colectivo que loita contra os incendios forestais e que defende unha xestión forestal sustentable e unha protección do medio ambiente en todo o territorio, especialmente na que xa coñecemos coma “España baleirada”.

Deslealdade co colectivo
No último borrador do anteproxecto de lei aprobado en Consello de Ministros houbo certas modificacións no seu articulado que foran consensuados en negociacións previas. Estas modificacións de última hora, feitas cunha total falta de transparencia e lealdade que consideramos non merece este colectivo, supoñen un retroceso innegable para o normal desempeño do traballo dos Axentes Ambientais de Galicia.

O propósito dunha lei básica é o de harmonizar e unificar competencias e funcións dun persoal encadrado en diferentes administracións (Administración Xeral do Estado, diferentes autonomías, deputacións e concellos) pero nunca debera supoñer un prexuízo nalgúns do seus territorios de aplicación, como é o caso galego.

Deste xeito, non se harmonizan nin clarifican, é máis nin se mencionan, as funcións dos Axentes en canto á prevención e extinción de incendios forestais ou as múltiples funcións desempeñadas en canto á xestión forestal, cerne desta profesión nunha comunidade autónoma coma a galega e outras da cornixa Cantábrica, onde esta actividade ten unha enorme importancia social e económica.

Prexudica a colaboración de efectivos
No presente borrador aparece unha total subordinación ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, empeorando incluso o establecido na Lei de Enxuizamento Criminal, cando o lóxico, e sempre dentro das nosas áreas competenciais, sería traballar de igual a igual e en total colaboración, como dende sempre se ven facendo e como fan corpos de similar índole, coma os Servizos de Vixilancia Aduaneira.

Este non é o camiño para abordar, facilitar e simplificar a loita contra os múltiples delitos contra o medio ambiente (incendios, furtivismo, vertidos, etc..) que ocorren todos os días no territorio porque nin ordenan nin regulan as funcións dun colectivo que desempeña o seu traballo ligado ao territorio. APRAFOGA súmase así a outras asociacións doutras comunidades autónomas que xa se posicionaron tamén en contra deste anteproxecto de lei e do Ministerio por seguir adiante con esta lei anacrónica, regresiva e claramente insuficiente para os axentes forestais galegos.