‘Ao arredor do conto’ na Biblioteca Municipal de Ponteareas

Este 9 de setembro ás 18.30 horas

Ponteareas | A Biblioteca Municipal de Ponteareas acolle esta semana unha nova actividade ao abeiro do programa de animación á lectura. Este xoves 9 de setembro ás 18.30 horas organizará ‘Ao arredor do conto’, unha actividade a través da que os nenos e nenas poderán coñecer a Biblioteca Máxica Infantil.

Para participar nesta actividade é recomendábel que cada un dos cativos e cativas acuda cunha pequena lanterna para desfrutar deste contacontos que se realizará a escuras e onde aparecerán personaxes que axudarán a coñecer un pouco máis a Biblioteca municipal ponteareá.

O obxectivo é “promover entre o público máis novo non só a lectura, senón tamén a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e a expresión artística”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Para participar na actividade é necesaria a inscrición previa na propia biblioteca, chamando ao 986 660 765 ou a través do enderezo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal.