Antonio Paz recibiu o premio Condado de Pallares

O investigador asegura que Chantada foi a sede do agrarismo na provincia de Lugo

Chantada | Antonio Paz Vázquez gañou a última edición do premio de investigación histórica Condado de Pallares cun estudo sobre a presenza do movemento agrarista galego na comarca de Chantada. Recolleu o galardón de mans do alcalde Manuel Varela nun acto celebrado na casa consistorial.

O autor conta que houbo moita documentación que desapareceu, porque as sociedades agraristas pasaron por épocas complicadas na ditadura de Primo de Rivera e a raíz do golpe de Estado de 1936. A represión franquista tamén perseguiu aos dirixentes das sociedades agraristas. “A pesar disto conservouse bastante documentación que puiden estudar nos arquivos históricos das provincias de Lugo e Ourense, no de Galicia (con sede na Coruña) e na Biblioteca Nacional de España. Unha fonte importante de información foron os semanarios locais que se publicaron durante esas décadas na comarca de Chantada”, explica Antonio Paz.