Andrea Maceiras gaña o XV Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil

Organizado pola Deputación da Coruña

Deputación da Coruña | O xurado do XV Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu conceder o galardón á obra “Que se me pare o corazón se te esquezo”, da escritora Andrea Maceiras. O xurado valorou, entre outras cousas, o tratamento literario dun tema tan actual como as redes sociais.

Un xurado composto polo escritor Antonio Fraga, o divulgador científico a través das contas “Molésculas en galego” e “Balea Vermella”, Francisco Javier Brea Balea, a libreira Luz Gallego, a escritora, actriz e contacontos Soledad Felloza ademais do escritor Xosé Antón Neira Cruz, gañador da edición anterior, escolleu a obra de Andrea Maceiras entre as 43 presentadas a esta edición do certame de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña.

O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria e a xestora cultura, Helena Torres como comisaria do certame.

“A obra ‘Que se me pare o corazón se te esquezo’ (…) aborda ‘un tema de plena actualidade como é o uso das RRSS, especialmente dos vídeo-blogs, mais tratado dun xeito non moralizante”

Segundo explica o xurado, a obra “Que se me pare o corazón se te esquezo”, presentada baixo o lema “Plenilunio” aborda “un tema de plena actualidade como é o uso das RRSS, especialmente dos vídeo-blogs, mais tratado dun xeito non moralizante”. A obra, como engaden, “expón situacións duras sempre fuxindo da forma panfletaria”.

Outro dos valores que destacan da novela de Andrea Maceiras é que a acción atrapa o lectorado desde a primeira secuencia e agarra ata o final cunha historia en que son de especial interese as distintas relacións exposts e os afectos vividos polos personaxes.

Ademais, destacan que presenta un bo manexo da linguaxe, que conecta co xeito de sentir e vivir de adolescentes cunha gama diversa de personaxes que facilita a identificación cos mesmos.

Considera tamén o xurado que se trata dunha obra que é necesario incorporar ao sistema literario, que normaliza o uso da lingua galega nas redes. A escritora Andrea Maceiras fora xa finalista en 2017 do Premio Raíña Lupa pola obra O que sei do silencio (Xerais).

Sobre Andrea Maceiras
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é doutora en Filoloxía Hispánica e licenciada en Filoloxía galega. Actualmente compaxina o seu labor como docente de secundaria coa súa vocación literaria.

Como autora de novelas de literatura infantil e xuvenil, ten publicadas dez obras. Con Proxecto Bolboreta (2007, Xerais) obtivo o Premio de Certames de Micronovela de Soutomaior. En 2010 obtén o Premio Meiga Moira por Violeta tamurana (Baía). En 2012 publica O segredo do lagarto arnal (Baía) e en 2013 Nubes de evolución (Xerais), premio Fervenzas Literarias 2014 á mellor novela xuvenil. Neste mesmo ano obtén o terceiro premio do Certame Díaz Jácome por Agua lonxincua.

En 2014 gaña o Premio Meiga Moira por Miña querida Sherezade (Baía) e publica Volverás, golfiño (Xerais), finalista do premio Merlín. En 2015 gaña o Premio Jules Verne por Europa Express (Xerais), premio Fervenzas Literarias á mellor novela xuvenil ese mesmo ano. En 2017 queda finalista do Premio Raíña Lupa por O que sei do silencio (Xerais). En 2019 gaña o Premio Lazarillo pola súa obra Conta nove estrelas (Xerais). No ano 2020 obtén o Premio dos clubs de lectura das bibliotecas escolares de Galicia como a autora máis lida. Nese mesmo ano gaña o premio Merlín pola súa obra A folla azul (Xerais).