Alumnado de Moaña amosa o seu interese pola riqueza medioambiental de Covelo

Escolares e profesorado visitaron a Poza Piñeiro, o Foxo do Lobo de Campo e o Serradoiro de Carranos

O Covelo | Como colofón ás expedicións e actividades realizadas ao longo do curso, o Club de Ciencias do IES As Barxas de Moaña aterrou no Suído para coñecer a riqueza medioambiental de Covelo da man do guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa.

Atraídos polo importante patrimonio natural de Covelo o profesorado, tras unha visita interpretada ao Serradoiro de Carranos, non dubidou en volver contactar co guía local para recibir clases de coñecemento do medio inmersos nel.

Na procura de adquirir teoría a través da práctica, percorreron o Suído para avistar fauna, achegarse ao coñecemento da flora de montaña, admirar o gando e os cabalos salvaxes e gozar dunha paisaxe espectacular. Escolares e profesorado subiron ata a Poza Piñeiro para logo visitar o Foxo do Lobo de Campo e visitar, xa pola tarde, o Serradoiro de Carranos. Nos camiños históricos da Serra do Suído aprenderon a identificar rastros, coñeceron as Drosera sp., que en galego chamamos Orballiña, pranta carnívora presente nas serras do xeodestino Condado-Paradanta; o patrimonio gandeiro e histórico do Suído, a importancia dos ecosistemas de turbeiras e tremedais de montaña e pararon nos principais cotos que ofrecen fermosas vistas.

Para rematar este curso contaron cun importante aliado na serra sur da dorsal galega, o fotógrafo Julio Eiroa quen adianta ter vivido unha experiencia excepcional co alumnado e profesorado, “as experiencias educativas deste calado son fundamentais para a educación ambiental do futuro que garanta o coñecemento dos ecosistemas e dos recursos naturais, pero tamén históricos, que son legado e patrimonio de todos”.

Pero tan importante como coñecer é saber respectar os ritmos, os tempos, os silencios ou as tempadas de cría e non deixar máis rastro da pegada humana que a imprescindible. Por este motivo expertos como o guía local Julio Eiroa apelan á responsabilidade das persoas e recomendan acompañarse de persoas especialistas no medio natural que saiban interromper o menos posible o ritmo diario da fauna e protexer tamén, o máximo posible, a flora autóctona.

Esta actividade interpretada na montaña forma parte das moitas actividades que realizan no centro converténdose en exemplo de educación ambiental, conservación e desenvolvemento rural.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, sinala que cada vez son máis as persoas de xeito individual e en grupo que se achegan ao concello na procura dun contacto directo coa natureza, de espazos libres de ruido e aire puro, de auga fresca e vistas espectaculares dende os que observar toda a área metropolitana de Vigo chegando a avistar as illas Cíes nun día despexado.

Máis sobre o Club de Ciencias
Todo comezou hai tres anos grazas á iniciativa deste profesorado creador no seu centro do “Club de Ciencias” cun proxecto educativo que non se limita ao centro escolar e persegue o coñecemento da fauna salvaxe do seu concello para transmitir valores de respecto e conservación do medio natural. Quince alumnos e alumnas do IES As Barxas realizan cada semana actividades no centro escolar e tamén fóra del. Estes escolares de distintos curso da E.S.O. estudan as pisadas animais e os seus excrementos, practican fototrampeo, fotografía e vídeo, constrúen comederos para paxaros e “hoteis” de insectos e todo ese coñecemento xerado en cada saída ao medio natural remata ofrecendo conferencias noutros colexios e institutos para escolares da súa mesma idade.