Alma de barro, de Moncha Prieto

Recolle contos e anécdotas do rural galego


Sober | Non escoitara falar de Moncha Prieto (Gundivós, Sober, 1951), nin lera nada seu ata que chegou as miñas mans o libro Alma de barro, relatos da Ribeira Sacra (Ed. Xerais, 2021).

Nun primeiro intre, confeso que pensei estar ante un libro máis dos que tentan recoller, nunha sarta de contos, anécdotas do rural galego.

Comecei a lectura con certa desgana, crendo que ía atopar máis do mesmo, unha narrativa feita de tópicos, con máis ou menos folclore a partir de lendas. Nada máis lonxe da miña previsión.

Dende o primeiro conto, ‘O prestamista’, acadei a sensación de estar ante outro tipo de obra, sensación que se afianzou o ler o segundo, ‘As papas’, e foi crecendo en intensidade segundo cheguei o terceiro, ‘As capadoras’, que acabou de convencerme e converterme nunha adepta a medida que avanzaba ao encontro das sucesivas historias e personaxes.

Hai, na literatura de Moncha, algo moi vello que nos devolve as raíces ós que nacemos nesta terra de maxia e de brétema, e que se cingue, sen contradicirse, con algo moi novo na súa forma de narrar, que entronca de cheo coas novas correntes, acadando o prodixio de converter unha historia simple que aconteceu en tempos pasados nunha historia profunda de imperante actualidade.

E digo imperante porque, a través das distintas liñas narrativas que compoñen os dezaoito contos de Alma de barro, faise presente unha mensaxe subliminar, pero non menos urxente na escrita desta autora galega ―vinculada ó mundo da radio durante máis dunha década, fundadora do programa ‘Galicia máis cerca’ , potenciou o nacemento e presidiu ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya) ― que ven a ser a reivindicación da propia identidade: a do patrimonio inesquecíbel das nosas raíces, do eido cultural e vivencial que conforma a irmandade de tódolos que nacemos ou fomos criados no rural galego.

Coma ben di Basilio Losada Castro, catedrático de Filoloxía Románica e académico de honra da RAG, no excelente prólogo que lle dedica a Alma de Barro, todo neste libro é unha homenaxe á terra, lingua e costumes que poboan a Ribeira Sacra. Dende sucesos recollidos en coplas tradicionais, coma o conto ‘Os ollos de Carme’, ata a figura dos esmoleiros que van recorrendo aldeas en ‘Mendigos’, pasando pola represión franquista nos contos ‘A partida’ e ‘Vitoriano e Amelia’, ata a recreación da inocencia perdida en ‘Proposta indecente’ ou ‘As moras do cemiterio’ sen esquecer a penuria e a fame tan ben recreadas nos relatos ‘Longa espera’ e ‘As papas’, ou a homenaxe ó singular oficio dos cacharreiros que se deixa ver na historia ‘Alma de barro’ que presta o seu nome ó título do libro.

O certo é que ningunha verba sobra, ningún conto é prescindible porque entre todos tecen esa tela de fondo na que se asentan os pobos, non so da Ribeira Sacra, senón de toda Galicia, porque Alma de barro é, ante todo, un compendio histórico dun tempo e dunha forma de vivir que reflicte o sentir de moitos galegos.

Acerca da autora
Moncha Prieto (Gundivós, Sober, 1951) viviu en Barcelona dende os quince anos até 1995, cando regresa definitivamente a Galicia. Foi secretaria do Centro Galego de Barcelona e colaborou con diversas asociacións e revistas literarias, como “Alborada” ou “Lúa Nova”.

Participou nos libros colectivos “Voz e Voto”, de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, e “Vivir en presente”. De 1985 a 1995 dedicouse ao mundo da radio: puxo en antena o programa “Galicia máis cerca” e foi compoñente do magazine matinal «Bonico» en Radio Gramenet. Neste eido, potenciou o nacemento e presidiu ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya); foi correspondente de Radio Progreso de Miami, sección noticias; e participou en Radio Exterior da Radio Galega.  No ámbito literario, conseguiu varios premios de poesía, de relato e de escritura creativa. “Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra” é a súa primeira obra en Xerais.

Por Manuela Vicente Fernández