Allariz xa é mecenas da Casa de Rosalía de Castro

Visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía en Padrón

Allariz | Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, asinou o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, representada polo seu presidente Anxo Angueira. O acto tivo lugar na Casa Consistorial de Allariz. Durante o acto Cristina Cid sinalou que Rosalía para Allariz é un referente. A formalización deste convenio, como ben dicía a alcaldesa, vai máis alá que da simple firma.

Esta nova colaboración entre a Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Allariz permitirá que tanto nos centros escolares, como nas propias actividades municipais de Allariz, que se programan ao longo do ano, como poden ser actividades do Club de Lectura, da Casa da Mocidade ou actividades para veciños e veciñas de Allariz a figura da escritora galega estará presente. “Rosalía para Galicia é moito máis e polo tanto é necesario que dende a administración pública se faga a divulgación do seu legado. Non hai ningún país que se constrúa se esquece o seu pasado, se se esquece dos seus referentes”.

Por outra banda, Anxo Angueira resaltou a importancia que para a Fundación de Rosalía de Castro supón a sinatura deste convenio con Allariz polo seu compromiso coa cultura e o idioma galego. Rosalía naceu e morreu en Padrón, pero como ben dixo Anxo Angueira “Rosalía e de quen quere ser de Rosalía de Castro”. Agradeceu finalmente a alcaldesa e ao Concello de Allariz por este convenio.

En virtude deste convenio anual, como ben explicaron tanto os escolares do municipio coma as asociacións culturais e persoas empadroadas no Concello de Allariz poderán desfrutar da visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía en Padrón. Igualmente establecese a colaboración para os actos de celebración do Día de Rosalía e o intercambio de material divulgativo así coma de actividades que poidan xurdir ao longo do ano.