Allariz súmase a “Reciclos”

O sistema de reciclaxe con recompensa de Ecoembes

Allariz | A vila de Allariz conta xa cunha máquina que recompensa por reciclar. A entrada da recepción da Piscina Municipal, no Campo de Vilanova, é a localización escollida para a máquina Reciclos, o Sistema de Devolución e Recompensa ( SDR) de Ecoembes, que premian o compromiso coa reciclaxe.

Así, calquera persoa de Allariz poderá seguir reciclando fóra dos seus fogares as latas e botellas de plástico de bebidas que consuman, facilitando a circularidade destes residuos, é dicir, que volvan converterse en novos envases ou produtos tras a súa reciclaxe. Ao facer uso destas máquinas, os usuarios recibirán puntos cos que poden axudar a mellorar a súa contorna a través de incentivos sostibles ou sociais.

Ademais, “Reciclos” quere contribuír a fomentar un consumo responsable e racional deste tipo de envases. Por este motivo, establece un límite semanal ás latas e botellas de plástico de bebidas polos que os cidadáns obteñen puntos ao reciclar.

O concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, resaltou a importancia de seguir apostando por un modelo sustentable de reciclaxe. Allariz continúa traballando nas políticas de recuperación, rexeneración e recuperación na que tanto empeño ten posto, e anima a toda veciñanza a continuar na liña de separación de residuos e compostaxe que tan bos resultados ten dado nos últimos anos.

Para facer uso das máquinas de “Reciclos”, a veciñanza de Allariz só teñen que rexistrarse na webapp ( app. reciclos. com), depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina de “Reciclos” e escanear o QR que mostrará a máquina.

Ao facelo, obterán puntos, denominados “Reciclos”, que poderán cambiar polas distintas recompensas dispoñibles.