Aldama: un modelo de que?

Manuel Herminio Iglesias | Os aconteceres da política non deixan de sinalarnos novas que chaman e moito a atención. A sociedade do Lazarillo de Tormes, a dos pícaros, moito máis ampliada nas corruptelas esta moi presente no noso día a día. Eu diría que sempre estivo, mais hoxe podemos saber moitas cousas que durante a ditadura estaban agochadas, pois a prensa daquelas estaba sometida á unha censura total, e si que había moita máis corrupción ca hoxe.

O que pasou e que non saían á luz porque eran agochadas. Nesta sociedade os feitos máis insólitos e retortos aportan novas que sinalan que a perda, cando non a conculcación dos principios polos que nos rexemos, toman forza e agochados baixo formas de arrepentimento e colaboración coa xustiza, e ate son premiados con moito esmero. Desta maneira a xente sen principios morais convértense en modelos de cidadáns honrados que pasan a seren imitados como intelixentes e persoas de éxito social. Ben sei que nas capas máis altas da sociedade emprégase unha linguaxe moi distinta á que se fala nos ambientes do pobo, ou se queren na rúa. Porei varios exemplos: o Señor tiña unha borracheira como un piano, mais como era un señorito con cartos e poder, os achegados dicían que estaba mareado ou indisposto.

Pero todos sabían que era un trompas. Pola contra nos ambientes de barrio o dito era ben distinto: fulano é un borracho. Iso mesmo acontece nos negocios e sona doutra maneira ben distinta, pois calquera incumprimento por pequeno que sexa márcate como pufeiro ou informal e case como un delicuente. Un señor, como eses que andan de comisionistas corrompendo á xente e os cargos públicos, ou se o prefiren: un señor que anda facendo negocios turbios, cando ten éxito e acada millón de euros, na linguaxe dise que fixo unha boa operación. Mentres o pequeno autónomo se fai algo mal, axiña é un chapuzas ou un incumpridor.. Pois ben, isto é o aconteceu co corrupto Aldama. Primeiro meteu no allo ós que se deixaron corromper e cando viu que a xustiza andaba tras del e o meteu uns días no talego, fíxose colaborador a cambio de que lle conmutaran a pena polos seus delitos. E enriba trincou unha boa pasta, pois a sentencia do supremo non se mete no asunto dos cartos.

“Un señor, como eses que andan de comisionistas corrompendo á xente e os cargos públicos (…) isto é o aconteceu co corrupto Aldama”

Os xuíces dese alto tribunal seica fan esa sentencia pra que outros canten. Que é legal, pois iso parece, pero que un danzante coma este señor enriba sexa laureado e apareza como modelo de ética na dereita dá certo arrepío. Esta claro que a España do cego e o rapaz que lle axudaba segue viva e en pleno apoxeo. Iso xa ninguén o dubida, dado que se roubas e tes certo prestixio e cartos sempre podes fardar de que fixeches unha boa operación. O demais é un conto. Polo que lémbrome do que dixo un presidente dese alto tribunal nun intre de lucidez e sinceridade: A xustiza está feita para os rouba galiñas.

Polo que remato deixando unha pregunta: Quen xuzga ós que nos xuzgan? Eu xa non creo na xustiza despois desta e de moitas cousas que hoxe pasan cós xuíces cando fan as cousas mal? Complicado vexo o asunto de eliminar a corrupción entre dos humanos. Mais acato a xustiza porque non me queda outra; pero xa perdín a fe de crer nela cando se fala das altas instancias. Aldama non é modelo de nada bo. Con todo, queiramos ou non, seguimos vivindo na España dos pillos, dos defraudadores e dos ladróns do público.

Dende Seixo-Albo.

Nado en Seixalbo no 49. É diplomado en Ciencias Humans e Música pola universidade de Vigo e o conservatorio de Ourense. Fundou e presidiu varios colectivos como Asociacións de Pais, Veciñais e Culturais. Presidiu a Asociación San Breixo dende do 1985 ao 2002. Concelleiro no concello de Ourense do 2009 a 2011 co BNG. Preside dende o 2000 a Asociación Cultural Agromadas de Seixalbo onde desenvolve actividades musicais. Fundador do Grupo musical Trovare. Colabora con varios xornais con artigos de opinión e participa en programas de debate na TV local.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.