Alcaldesa de Mos anuncia os investimentos en educación para 2021

Tras reunirse por videoconferencia co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez

Mos | A alcaldesa de Mos ven de reunirse ás 17.00 horas desta tarde por videoconferencia co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González nunha xuntanza da que se concluíu, tal e como informou a rexedora local mosense, “a resposta afirmativa por parte do conselleiro á práctica totalidade das propostas realizadas por esta alcaldía”.

As devanditas propostas recollen importantes melloras durante o presente ano 2021 en 3 dos 5 Colexios Públicos de Educación Infantil e Primaria de Mos: Petelos, Atín-Cela, e Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos). Os outros dous, Pena de Francia e Sanguiñeda, son os centros que veñen de ser beneficiarios de reformas nos últimos anos; no caso de Pena de Francia cunha mellora integral e Sanguiñeda cunha ampliación do comedor, entre outras obras.

Arévalo declarou a este respecto o seu “agradecemento ante a colaboración da consellería de Educación, tras un ano tan duro e este novo que aventura selo tamén por mor da crise sanitaria da COVID-19, nos que todas as administracións priorizamos a xestión da pandemia como é lóxico pero, a pesar delo, o conselleiro soubo ver a prioridade das necesidades dos centros educativos de Mos, polo que lle estou enormemente agradecida”. “Agradecida e satisfeita, porque tras tantos anos de satisfacción pola mutua colaboración e apoio por parte da Xunta de Galicia e da consellería de Educación ao Concello de Mos, séguense a manter en tempos complicados e difíciles como os que estamos a vivir”, insistiu a rexedora local mosense.

“As devanditas propostas recollen importantes melloras durante o presente ano 2021 en 3 dos 5 Colexios Públicos de Educación Infantil e Primaria de Mos: Petelos, Atín-Cela, e Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos)”

Deste xeito a alcaldesa anunciou, tras o remate da reunión, que durante este ano a mellora máis importante que se acometerá por parte da consellería de Educación será no CEIP de Petelos, onde se optimizará o illamento térmico cun cambio de ventás e se illará totalmente o ximnasio para evitar filtracións e humidades. Pola súa banda, Nidia Arévalo informou de que será o propio Concello o que asuma o arranxo do firme da pista deportiva exterior, pendente de reposición desde fai uns anos.

Por outro lado o Colexio de Atín-Cela será en 2021 obxecto da substitución de todos os falsos teitos e do remate da renovación de ventás, que comezou en 2019 e da que xa se levan realizado dúas fases. Só queda pendente á última, que supón a colocación das 20 novas fiestras restantes.

Por último, no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos actuarase en 7 aulas para illalas do calor e as altas temperaturas nos meses máis calorosos do ano, instalando toldos nos seus ventanais; e construirase unha rampa que mellore a accesibilidade entre os dous patios de recreo exteriores que se atopan a diferentes alturas. Ademais, tamén se fará unha reparación de todos os lucernarios.

Proxectos todos estes que suman unha importante inversión da Xunta de Galicia nos centros educativos de Mos para este ano.