A Guarda | Os rexedores e rexedoras expoñen a problemática do Camiño da Costa na Mesa do Camiño da Provincia de Pontevedra.
Os responsables municipais tamén solicitan unha reunión co vicepresidente da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, para tratar o paso de peregrinos polo esteiro do Miño e a duplicidade de nomes nos itinerarios.
Dende mediados de 2021 os alcaldes e alcaldesas de: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, veñen reclamando intervención da Xunta de Galicia para resolver algúns problemas do Camiño Portugués da Costa entre os que destacan: os relacionados co paso dos peregriños polo esteiro do Miño, e os provocados pola duplicidade do nome de Camiño da Costa que se está producindo en Portugal cun itinerario distinto do recoñecido polo Xacobeo.
Así, no verán de 2021, solicitaban ao director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa apoio para resolver os problemas cos que se atopaban os peregrinos no Camiño da Costa.
Dende aquela xuntanza a situación non mellorou en absoluto. En canto ao transporte de pasaxeiros e peregrinos entre Caminha e A Guarda a situación empeorou.
Dende o verán do 2021 unha avaría no embarcadoiro do ferri do esteiro do Miño impide o acceso de vehículos ao transbordador. Este contratempo motivou o funcionamento irregular do barco dende entón ata o mes de outubro e que se atope parado na actualidade á espera da reparación do peirao.
Esta reparación foi solicitada a portos de Galicia de forma reiterada e aínda non temos reposta de cando se acometerá. Pola nosa parte consideramos urxente que se aborde unha solución a curto prazo para o transito de peregrinos entre a Caminha e A Guarda que dea continuidade ao Camiño Portugués da Costa.
En canto á duplicidade do nome de Camiño da Costa provocada por Portugal a cousa mudou, pero para peor, xa que, con data 2 de febreiro de 2022, o goberno Portugués certifica como itinerario oficial do Camiño de Santiago o chamado, Camiño Portugués de Santiago-Camiño da Costa, que vai dende Porto a Valença do Miño pasando por Caminha e Vilanova de Cerveira. Ao noso parecer isto prexudica ao Camiño da Costa oficial, recoñecido pola Xunta como itinerario Xacobeo na lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016.
Non debería haber dous itinerarios distintos co mesmo nome. Nada pode confundir máis aos peregrinos. Entendemos que houbo tempo suficiente para evitar que se producira esta situación que agora ten difícil arranxo. Aínda así, queremos manifestar que non estamos en absoluto de acordo coa denominación que o goberno Portugués lle deu ao novo itinerario do Camiño de Santiago.
“Non debería haber dous itinerarios distintos co mesmo nome. Nada pode confundir máis aos peregrinos”
Queremos facernos eco tamén da preocupación e demandas que nos trasladan dende o sector privado relacionado co Camiño da Costa. Dende o recoñecemento oficial deste camiño en 2016, moitas persoas estiveron traballando para ofrecer servizos que o camiño e os peregrinos necesitaban en base ao crecemento que viña experimentando este itinerario a Santiago e as expectativas de negocio que se crearon co recoñecemento oficial.
É lexítimo que agora soliciten que as administracións manteñan as condicións que xeraron aquelas oportunidades e expectativas. Dende os gobernos locais brindamos o noso apoio ao sector privado e comprometémonos a servir de portavoces das súas demandas.