Alcalde da Cañiza recibe libro sobre a historia da Igrexa de Luneda

Trátase da segunda parte da obra escrita polo párroco Luis Manuel González Piñeiro

A Cañiza | O Alcalde da Cañiza recibe da man de Luís Manuel González Piñeiro, Cura Párroco de Santa María de Luneda, varios exemplares do II artigo sobre “Santa María de Luneda. historia dunha iglesia Sanjuanista. S. XVI-XXI. PARTE II”.

Este traballo ven a completar o primeiro artigo publicado a finais de 2021 e que se presentou tamén na Alcaldía o pasado 4 de febreiro de 2022. Unha pequena pero intensa obra, impresa agora polo autor en formato de libro, que segundo o autor, “é o resultado dun traballo de investigación, iniciado o 25 de agosto de 2019, sobre a parroquia de Luneda coa intención de que non quede no esquecemento a moita historia do seu rural e non se perdan os acontecementos da súa memoria popular”.

O Alcalde Luís Piña agradeceu o xesto de Luís M. González de compartir e regalar varios exemplares ao Consistorio e felicitouno por este excelente e documentado traballo de investigación.

Segundo comentou González Piñeiro “todo comezou por mor de querer realizar unha listaxe de todos os curas que atenderon a parroquia de Luneda ao longo da historia, o que se coñece como Presbiterologio Lunedense, desde o ano 1640 en que se empezan a ter datos sobre a parroquia ata hoxe”.

A segunda motivación foi unha Cruz labrada cunha inscrición situada no Presbiterio e que preside este lugar desde hai máis de 300 anos. Unha Cruz símbolo da Orde de Malta, ou de San Juan de Malta, ou de San Juan de Jerusalen, nomes cos que se coñecen a este Instituto relixioso militar que tivo o seu auxe en España durante a época medieval da Reconquista. Este dato foi o acicate para que o autor deste libro quixese coñecer máis a fondo a historia de Luneda e a súa relación coa Orde de Malta.

A partir deste intre inicia unha viaxe pola historia da parroquia consultando fontes nos Arquivos Diocesanos e tamén nos propios Arquivos Parroquiais.

Unha investigación que recupera do esquecemento innumerables historias e acontecementos que agora todos poderemos coñecer a través das páxinas deste II artigo.

Segundo conclúe o seu autor nesta nova achega literaria “agora podemos dar resposta á pregunta ¿de qué ano é a Igrexa de Santa María de Luneda?”. Unha resposta que alberga máis de 300 anos de historia, escrita en moitos documentos que recollen a testemuña das diferentes reformas que experimentou”.