Alcalde da Cañiza defendeu en Madrid medidas de seguridade para a N-120

Foi recibido polo Director Xeral de Estradas, Juan Pedro Fernández

Madrid | Na reunión celebrada onte en Madrid, o Director Xeral de Estradas, Juan Pedro Fernández comprometeuse co Alcalde da Cañiza, Luís Piña para acelerar os trámites para que se revise de novo o proxecto, adáptense os prezos e iníciese o procedemento de contratación e adxudicación o máis axiña posible.

Nesta xornada de traballo, celebrada onte ás 9.30h no Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, tamén estivo presente, vía telemática, o Xefe Provincial de Estradas do Estado na provincia de Pontevedra, Pablo Domínguez.

Un proxecto aprobado en 2018 baixo o título de “Acondicionamento de beirarrúas e rede de pluviais en dous tramos da N-120 entre os PP613+970 E 614+910 en ambas as marxes”, pero que se quedou obsoleto polo aumento dos prezos do mercado.

O Alcalde expuxo a necesidade urxente de acometer esta obra polo avanzado estado de deterioración que presentan as beirarrúas desta travesía así como os servizos de pluviais, abastecemento de augas e saneamentos.

O proxecto inicial, aprobado cun orzamento de 238.000,00 €uros, que haberá que actualizar, contempla o arranxo de dous tramos da Nacional 120 e tamén da rede de pluviais. Aproveitando a apertura das gabias, o Alcalde comprometeuse a financiar e executar, con cargo aos fondos do Concello, as obras de mellora da rede de rede de sumidoiros, abastecemento de augas e comunicacións, actualmente moi deterioradas e que non entran no proxecto.

As actuacións están localizadas en dous tramos da rúa Progreso. Á altura da Igrexa Parroquial e nos accesos das Augas Férreas. Concretamente entre os puntos quilométricos PP613+970 E 614+910, en ambas as marxes.