AECT Rio Minho, protagonista nas xornadas turísticas transfronteirizas de Huelva

Organizadas pola Junta de Andalucía e o CETMAR

Pontevedra | O Río Miño foi hoxe protagonista en Huelva nunhas xornadas sobre como se deben poñer en valor turístico espazos transfronteirizos organizadas pola Junta de Andalucía e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) dentro do proxecto europeo Atlazul.

Alí, a Deputación de Pontevedra, o AECT Rio Minho e tamén o Concello de Tui, ademais doutras entidades portuguesas, participaron para explicar o traballo que se está a facer de maneira conxunta para o desenvolver economicamente o territorio baseándose nos recursos endóxenos, potenciando a identidade do espazo que rodea o Miño, a súa cultura e os seus espazos naturais.

A exposición da Deputación e o AECT Rio Minho foi realizada polo asesor provincial de proxectos Europeos Transfronteirizos Lois Pérez cun relatorio titulado “Experiencias de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal: a cooperación no treito internacional do río Miño”.

Na súa intervención destacou que nos eixos de futuro dentro do vindeiro plan director do POCTEP traballarase en desenvolver produtos turísticos baseados no propio concepto de fronteira, no río navegable como unha opción de aventura, na gastronomía (a lamprea), o albariño, e o sistema de fortalezas fronteirizas, elementos singulares que diferencian o territorio miñoto dos seus competidores á hora de captar turismo.

Pérez, ante un auditorio de público formado por persoal interesado e tamén especializado en proxectos europeos e turismo fixo fincapé en que o espazo do río transfronteirizo do Miño conta con grandes potencialidades. Entre elas destacou que é a fronteira máis poboada entre España e Portugal (por diante de Huelva) grazas á súa situación estratéxica, ten un grande patrimonio lingüístico, arqueolóxico, arquitectónico e cultural común, áreas naturais protexidas, recursos endóxenos para seren comercializados e transformados e un sector marítimo pesqueiro e produtos agrícolas destacados.

Con todo isto como base, explicou Pérez, o obxectivo de Deputación e AECT Rio Minho é promocionar o territorio internacionalmente e consolidar a marca de turismo ‘Rio Minho’ entre a diversidade de públicos obxectivos aos que se pode chegar. Salientou que a idea base a difundir é que no territorio miñoto pódese vivir ‘Un río, dous países e grandes experiencias’, seguindo o eslogan escollido polos 16 concellos integrantes do espazo transfronteirizo.

Algunhas das actuacións xa desenvolvidas para fomentar o turismo no territorio que se citaron foi a creación dunha APP móbil informativa, o deseño do Anel Verde do Miño (unha rede de sendeiros transfronteirizos), diferentes encontros de ecoturismo e gastronomía, ou a posta en marcha dun servizo de partilla de bicicletas eléctricas nas eurocidades.

Nas xornadas celebradas hoxe en Punta Umbría (Huelva), ademais de Lois Pérez, participaron tamén o representante do Aquamuseu do Miño, falando de Patrimonio, biodiversidade e a musealización no río; o alcalde de Tui, falando do río como un destino navegable; representantes de Melgaço para falar das pesqueiras como recurso patrimonial e turístico; e tamén do CETMAR Galicia para abordar a situación fluvial repensando a pesca na zona.