Adeus a Xosé Manuel Beiras, o gran referente do nacionalismo galego

O histórico líder nacionalista e intelectual comprometido faleceu aos 90 anos no seu fogar en Brión

Santiago de Compostela | A continuación reproducimos íntegramente o texto de Mario Beramendi publicado na Voz de Galicia sobre o falecemento de Xosé Manuel Beiras.

“Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago de Compostela 1936-2026) morreu na súa casa de A Reboraina, en Brión, aos noventa anos de idade. Figura política irrepetible, líder dunha das dúas almas do nacionalismo de esquerda, foi un azoute constante do poder e un dos personaxes clave da recente historia política de Galicia. Coa morte de Xosé Manuel Beiras, Galicia perde un dos últimos expoñentes daquela estirpe que loitou pola chegada da democracia e o autogoberno galego, hoxe tan celebrado, e que elevou o nivel do debate público ata cotas hoxe esquecidas.

Protagonista crucial da política galega desde o final da ditadura ata o nacemento e consolidación da autonomía, foi un político inconformista, cuxa erudición e excentricidade traspasou fronteiras, e un tormento para o poder establecido. Soubo encantar os máis novos, sempre dispostos a transgredir, e soubo seducir nos ambientes culturais.

Nos últimos tempos, a súa vida transcorría no seu retiro da Reboraina, en Brión, de onde apenas saía, rodeado de familiares e amigos, de cinceiros rebosantes (nunca deixou de fumar), de libros e de cadros, e da lembranza de Aurichu, a súa inseparable compañeira. Un golpe que recibiu xa demasiado vello, demasiado ferido, e do que nunca chegou a recuperarse. “Xa non sei nin quen son”, dixo na homenaxe organizada en Compostela á que fora a súa parella durante catro décadas.

Beiras significouse desde ben cedo pola súa tendencia para moverse dos marcos establecidos. Nacido no seo dunha familia de clase media, fillo dun militante do Partido Galeguista (Manuel Beiras), entrou en contacto moi pronto co ideario nacionalista en clave liberal, e coa cultura e o idioma galego, algo insólito naquel estrato social, e máis nun neno e un adolescente criado nos tempos escuros e sórdidos do franquismo e do nacionalcatolicismo. Aí empezou a cociñarse a lume lento o que viría despois: como un estudante de Música e Dereito, que ampliara os seus estudos de Economía e Literatura en París, ao que programaran como líder político moderado do galeguismo e a socialdemocracia, acababa fóra do marco, convertido nun personaxe antisistema e que abrazaba o marxismo, para sorpresa e desencanto dos que foran os seus mentores: Domingo García Sabell e Ramón Piñeiro. Participou na creación do Partido Socialista Galego en 1963, organización da que foi o seu secretario xeral desde 1970 na clandestinidade ata 1977, ano do gran trompazo electoral e data que marca o inicio do deterioro da súa saúde mental e do descenso aos infernos. «O pozo», como dicía el. Talvez cegados pola ilusión, polo empuxe das protestas, Beiras e os seus non souberon ver que había máis xente nas súas casas que na rúa, e que a Galicia que eles soñaban en nada se parecía á real. Cinco anos fóra de combate, arroupado e salvado polos seus amigos máis íntimos, ata 1982, cando reaparece como cofundador do BNG, e líder dunha das almas do nacionalismo.

Como compañeira de aventuras, con todo o poder das bases, a UPG, que encarnaba a ortodoxia marxista leninista e que se contrapoñía á visión de Beiras, que simbolizaba o socialismo marxista democrático. Dúas tendencias contrapostas, en pugna constante -ás veces aberta e outras soterrada- que explican esta historia de encontros e desencontros, como ocorrera na fracasada experiencia do Consello de Forzas Políticas de Galicia, nacido en xaneiro de 1976 e disolto apenas nove meses despois. Ao abrigo do modelo frontista, consolidábase así en 1982 unha unión que durou 30 anos.

Beiras empezou a apontoar un liderado que conduciu ao nacionalismo da marxinalidade para ser segunda forza política en apenas 12 anos. Da única acta que ostentaba o propio Beiras en 1985 ás 18 cultivadas en 1997; un período cheo de instantes memorables, como a finais dos oitenta, cando o político, en protesta a unha intervención de Mariano Rajoy (entón deputado en Fonseca) en castelán, decidiu contestarlle en francés. Na lembranza quedan as liortas co popular Gerardo Conde Roa xa no Hórreo, algunhas subidas de ton e, por suposto, a icónica imaxe do zapato (emulando a Kruschev nas Nacións Unidas en 1960) en protesta pola reforma electoral emprendida polo PP en 1993, que elevaba do 3 % o 5 % o listón do total de votos para obter escano.

O histórico “zapatazo” de Beiras no Parlamento Galego en 1993. Foto de La Voz de Galicia.

Eran os días de gloria do BNG e do propio Beiras, un animal político que fagocitaba o resto da oposición, e que protagonizou con Fraga aqueles duelos que forman parte xa da historia do parlamentarismo galego e que acabaron, contra todo prognóstico, cunha aperta de mans e unha comida no Vilas o 8 de xaneiro do 2002. Talvez o BNG empezou a romper ese día, aínda que non asinase o divorcio ata dez anos despois na asemblea de Amio.

Aquel encontro dixeriuno mal a UPG, que xa abrira o melón sucesorio meses antes das autonómicas do 2001, cando o BNG cedeu un deputado e pasou a terceira forza. Daqueles anos queda o recordo da enorme capacidade de arrastre de Beiras, do seu liderado, de ser o rostro público do vertixinoso ascenso electoral do Bloque, pero mentres iso sucedía, portas dentro, a UPG levaba a cabo un silencioso e ingrato traballo de base, pobo a pobo, comarca a comarca, para apontoar ben a organización. Un sector do nacionalismo dixería mal aquela asimetría á hora de recoller os froitos do éxito. Esa debilidade interna de Beiras contrastaba coa súa imaxe exterior de fortaleza e carisma. E sempre loitou por dotar o BNG dun maior pluralismo interno.

Beiras encara ao entón presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Foto de ABC.

E así rompeu o BNG, trinta anos despois, con Beiras dando unha sonora portada. Despois de dez anos en segundo plano, volvía á primeira liña. E facíao con éxito. Aproveitando o desencanto social derivado da crise, teceu unha alianza coa esquerda estatal e o seu experimento, bautizado como Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), e no que ía da man da hoxe vicepresidenta Yolanda Díaz. Foi todo un éxito, ata o punto de que pasou ao BNG en deputados nas autonómicas do 2012. Acaparando os focos, como protagonista, Beiras foi o rostro dunha iniciativa política bastante efémera, que se diluíu como un sobre de azucre e que volveu retratar as fortalezas e debilidades do seu perfil: a súa extraordinaria capacidade para liderar e a súa incapacidade para organizar, unha constante na súa vida política. Mal aconsellado, desatendeu as advertencias que apuntaban a que a alianza do nacionalismo coa esquerda estatal acabaría mal, como así foi, un erro que acabou admitindo publicamente, porque AGE foi para Yolanda Díaz un instrumento, unha ponte de prata para a súa carreira en Madrid. Así o dixera nunha entrevista concedida a este periódico hai agora catro anos, en setembro do 2022.

Daquela lexislatura (2012-2016) queda o recordo dun Beiras combativo co entón líder do PP galego, Alberto Núñez Feijoo, e agora candidato á presidencia do Goberno, que gozaba daquela dunha ampla maioría absoluta. O tempo deulle a razón a aqueles que advertiron a Beiras que as alianzas coa esquerda estatal rematarían mal. Boa proba diso foi o naufraxio do grupo parlamentar de En Marea no Congreso en 2016, fagocitado por Pablo Iglesias e Yolanda Díaz. O líder nacionalista aprendeu a lección e Anova foi afastándose progresivamente desas alianzas que Beiras defendeu no seu momento como unha necesidade froito dun contexto.

Ana Pontón, actual voceira do BNG, con Beiras. Foto do BNG.

Na campaña das últimas autonómicas, en febreiro do 2024, Beiras comparecía publicamente con Ana Pontón para simbolizar a reunificación do nacionalismo e voltar a unha casa común que moitos cren que nunca debeu deixar. Un epílogo desexado por moitos para un líder que nunca ostentou responsabilidades de goberno, que se moveu sempre por principios ideolóxicos e que sempre soñou e traballou por unha Galicia mellor. De aí que teña por dereito propio un lugar na súa historia”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.