Abel Caballero defenderá en Braga o AVE Oporto-Vigo

Durante un acto con representantes do Partido Socialista de Portugal

Vigo/PSdeG-PSOE | O presidente do PSdeG anunciou este martes en Vigo que, ante a estratexia do PP de Galicia e de “Rueda sempre contra Vigo”, levará a súa férrea defensa da conexión ferroviaria Lisboa- Oporto-Vigo a un acto de campaña organizado na localidade portuguesa de Braga co número 3 do Partido Socialista de Portugal.

“Volveremos defender o tren de alta velocidade O Porto-Braga-Vigo, mentres Rueda queda calado ante Ayuso, e quere ser presidente da Xunta e vai vir a pedir os votos a Vigo!”, afirmou. Abel Caballero, acompañado polos candidatos Leticia Gallego e Carlos López Font, censurou a “desvergoña” e o “descaro político” do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, por non defender os intereses de Vigo, e manterse “calado, coa cabeza agachada e obediente” ante a reivindicación da titular do executivo de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e do alcalde conservador de Lisboa, de fixar como prioridade a conexión por tren entre Lisboa e Madrid.

Caballero, tras denunciar que Vigo é a única cidade sen conexión ferroviaria por alta velocidade con Madrid, como consecuencia das decisións dos gobernos do Partido Popular de Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo e Ana Pastor, “que nos deixaron sen ela”, acusou a Alfonso Rueda de “volver abandonar á cidade” ao reunirse con Ayuso e permanecer silente mentres esta insistiu en que a conexión por alta velocidade de Lisboa-O Porto-Braga-Vigo non é prioritaria, “pretendendo que pase a terceira ou cuarta división en conexións por tren”.

O líder socialista vigués asegurou que mentres o goberno de Pedro Sánchez retoma a alta velocidade, Rueda “de novo volve deixar a Vigo fóra dese tren que coloca a Vigo no núcleo central de Lisboa a Coruña, a Madrid e a Europa. Caballero lembrou que nos cumios ibéricos da Guarda e de Viana do Castelo os presidentes de España, Pedro Sánchez, e o expresidente de Portugal, fixaron a prioridade e o papel central de Vigo na liña de alta velocidade de conexión dos dous países.

“Nós defenderémolo con uñas e dentes”, advertiu o presidente do PSdeG-PSOE de Vigo, ao lembrar que os socialistas de Portugal manteñen a súa defensa da liña en dirección a Galicia. Apuntou que tamén segue vixente o proxecto de unión directa con Madrid a través da variante de Cerdedo. “Unha alternativa ferroviaria á que Rueda se opón ferozmente”, asegurou.

O presidente do PSdeG-PSOE comprometeu que ante o silencio de Rueda polo “medo” a Ayuso, os socialistas de Vigo manterán a defensa da conexión ferroviaria directa co Porto e con Madrid. “Este goberno seguirá defendendo á cidade fronte ás atrocidades que pretende levar a cabo Rueda”, advertiu.