A XXI edición do Festival de Cans celebrarase do 21 ao 25 de maio de 2024

Así o decidiu a asemblea da Asociación Cultural Arela

O Porriño | A XXI edición do Festival de Cans, xa ten datas para 2024. O festival desenvolverase ao longo de cinco días, entre o martes 21 e o sábado 25 de maio.

Así o decidiu a asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do Festival de Cans desde a súa primeira edición, celebrada no ano 2004. O certame regresa así ás súas datas naturais na cuarta semana de maio, coincidindo coas datas do Festival de Cannes francés, despois de que o pasado ano tivese lugar na terceira semana do mes, cadrando coa semana das Letras Galegas.

Despois da decisión da asemblea, o festival comunicou xa as datas ás veciñas e veciños que prestan as súas casas e colaboran co festival, así como ás institucións, patrocinadores e empresas locais que apoian o certame.

O festival de Cans foi elixido o pasado ano como unha das grandes referencias culturais de Galicia, segundo o prestixioso estudo promovido pola Fundación Contemporánea, referente dos estudos culturais en España, e recibiu recentemente o Premio CREA á súa traxectoria, otorgado por esta asociación que reúne a perto de 200 directores e directoras de cine de toda Galicia.

A organización traballa agora mesmo en reunións con institucións e na búsqueda de patrocinios para a nova edición. Nos vindeiros días o certame anunciará a apertura da súa convocatoria para recibir obras que desexen participar na nova edición do festival.

Peche do ciclo Cinemaldea
O ciclo Cinemaldea, que o Festival de Cans promove co Concello do Porriño, para levar o cinema ás aldeas do municipio, rematará este domingo 3 de decembro. A derradeira das proxecións terá lugar no Centro cultural ás 17,00 horas e contará coa presenza do cineasta de Marín Ángel Santos, triunfador da última edición do Festival de Cans co filme “Alicia fai cousas”. A obra recibiu ata catro premios na última edición do certame, como foron o Premio do Xurado ao mellor filme de ficción, premio ao mellor guión, á mellor realización e o Premio AISGE á mellor interpretación femenina, para a actriz pontevedresa Alicia Armenteros. A curta acaba de ser seleccionada a pasada semana na sección Esbilla, do prestixioso Festival de Xixón. Ángel Santos debutou xa na longametraxe co filme “Las Altas Presiones” (2014), co que recibiu o Premio Nuevas Olas do Festival de Sevilla, e agora mesmo prepara a rodaxe da que será a súa a segunda película longa.

A derradeira sesión de Cinemaldea, contará tamén coas proxecións do documental sobre o festival “Cans 22”, de Cris Padín e Javi Sobrado, o Premio Furacáns de non ficción “Mariví na pel da memoria” de Coral e Laura Piñeiro e o Premio de público, a curta de animación de David Fidalgo, “Sandwich Cat”.

A duración completa da sesión de proxeccións, que estará presentada polo director do festival Alfonso Pato, será de 73 minutos e como ven sendo habitual, a entrada será libre ata completar o aforo de cadeiras disponibles.