A XV edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense ofrece 11 espectáculos

Haberá representación galega, portuguesa e arxentina do 13 ao 23 de outubro

Ourense | Presentouse a XV edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense, FITO, que co apoio da Deputación de Ourense ofrecerá do 13 ao 23 de outubro en distintos escenarios da capital 11 espectáculos producidos por compañías galegas, ademais da presenza de grupos procedentes de Portugal e Arxentina.

O goberno provincial estivo representado no acto polo vicepresidente segundo, César Fernández, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do Principal, Olga Mojón; e a directora do festival, Fina Calleja.

Jacobo Sutil asegurou que “os festivais que temos en Galicia crean un escosistema escénico do que o FITO é unha parte imprescindible pola súa capacidade de difusión da produción galega, aínda que tamén con outras propostas de fóra de Galicia, nun labor de reivindicación da cultura e promoción de compañías emerxentes”.

Olga Mojón valorou pola súa banda a oportunidade que este festival brinda á cidadanía “para gozar da cultura”, destacando que chegar á edición número quince “demostra o interese pola superpervivencia de proxectos culturais que, ano tras ano, teñen espazo no Teatro Principal”.

Antes de detallar a programación, Fina Calleja expresou a súa satisfacción “pola volta á normalidade” do festival, agradecendo á Deputación de Ourense e ao Teatro Principal a súa colaboración para “ofrecer espazos dignos que estean á altura dos artistas que desexan exhibir as súas propostas”. Un capítulo de agradecementos no que incluíu ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Liceo de Ourense, Mur Marxinal e o colexio Maristas, que tamén acollerán espectáculos dun FITO “con moitísima variedade”.

Xa desde o día 12 de outubro haberá teatro de rúa diario, a partir das 12.30 horas, coa compañía galega A Run Run e o espectáculo Fitomozas”. A primeira produción á escena, o día 13 no Teatro Principal, leva por título As que limpan, do grupo A Panadaría. Tamén no mesmo lugar seguirán o día 14 os portugueses de Artimagem con Especies Lázaro; e o 15 de outubro Alma de Tigre de Elefante Elegante. Ao día seguinte o Circo Chosco representará Oh-pera no patio do colexio Maristas.

O día 18 está reservado para a segunda edición da iniciativa 67 graos Ourense Fervescénica, que ten como obxectivo da visibilidade aos creadores emerxentes, abríndose a artistas de toda Galicia. O programa convoca 4 bolsas, unha delas de 500 euros e as restantes de 250, incluíndo ademais o premio extraordinario do público para a proposta mellor valorada polos asistentes. A convocatoria para participar nesta edición estará aberta desde o 5 de outubro. A programación continúa do día 19 no espazo Mur Marxinal con Ragazzo, de Barrosanta; na seguinte xornada está prevista a estrea absoluta de Uxía Morán con Ingobernable. O Liceo acolle o día 21 Pirolíticos, de Mofa e Befa; seguindo coa compañía arxentina Sutottos e o espectáculo Perdón. Pechará esta edición do festival Ibuprofeno Teatro con Smoke on the water.

O horario das producións será sempre ás 20.00 horas, agás o domingo 23 que será ás 19.00. As entradas, xa dispoñibles en ataquilla.com e no propio teatro dúas horas antes de cada función, terán un prezo de entre 9 e 4 euros. Ademais, a XV edición do FITO inclúe actividades paralelas como a presentación de dous libros: Panderama, do dramaturgo e crítico Alfonso Becerra; e Antoloxía do Teatro Galego editado por Cena Lusófona, asociación portuguesa para el intercambio cultural.

Outros artigos