A Xunta renova a colaboración para promover o Museo Galego do Ferrocarril en Monforte de Lemos

Cunha achega de 30.000 euros

Santiago de Compostela | A Xunta renova a colaboración para a promoción do Museo Galego do Ferrocarril, en Monforte de Lemos, mediante a achega dun investimento autonómico de 30.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fundación do Ferrocarril de Galicia e delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, selaron, vía telemática, o novo convenio de colaboración para a divulgación deste espazo que recolle un importante patrimonio industrial ferroviario.

Este convenio ten como principal obxectivo garantir o funcionamento do Museo Galego do Ferrocarril e o desenvolvemento das actividades de exhibición dos fondos materiais propiedade deste, a súa divulgación entre a sociedade e o fomento do transporte ferroviario.

“Este convenio ten como principal obxectivo garantir o funcionamento do Museo Galego do Ferrocarril e o desenvolvemento das actividades de exhibición dos seus fondos materiais”

Trátase dun centro único na comunidade, e mesmo en España, debido ao estado de conservación do seu material ferroviario e á singularidade de moitas das pezas que alberga.
Con esta colaboración, a Xunta apoia a Fundación do Ferrocarril de Galicia nas actividades que desenvolve para a promoción deste museo como un espazo de ocio e aprendizaxe, en especial entre os máis cativos, para que coñezan a importancia do ferrocarril para o desenvolvemento de Monforte de Lemos e de Galicia.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez quere facilitar así a divulgación do rico patrimonio que alberga o museo, ao tempo que tamén fomenta o uso do transporte público ferroviario e se suma como un elemento máis para potenciar turísticamente toda esta zona.