A Xunta reafirmou o seu compromiso coa candidatura da Ribeira Sacra

Asegurou o conselleiro Román Rodríguez durante a XLI Feira do Viño de Amandi

Sober | O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na XLI Feira do Viño de Amandi, na localidade lucense de Sober, desde onde reafirmou o compromiso do Goberno galego coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.

Neste sentido, o titular do departamento de Cultura do Goberno galego lembrou que a decisión estratéxica de aprazar o último paso da presentación da candidatura ao Comité do Patrimonio Mundial da Unesco ten como obxectivo reforzala.

Román Rodríguez explicou que a Xunta de Galicia e o Goberno central van traballar de forma conxunta no reforzo e revisión de aspectos da candidatura. “O noso compromiso continúa intacto e seguimos traballando, con máis forza se cabe ca nestes últimos anos, para protexer e impulsar a Ribeira Sacra”, dixo o conselleiro, destacando o labor realizado ata o momento, “neste camiño cara a inclusión na Lista de Patrimonio da Humanidade”.

“O noso compromiso continúa intacto (…) neste camiño cara a inclusión na Lista de Patrimonio da Humanidade”

O titular de Cultura do Goberno galego referiuse tamén ao potencial desta zona “capaz de xerar riqueza a través dos seus produtos” como é o caso do viño de Amandi do que hoxe se celebra o seu día grande nun acto que tivo á artista Eva Amaral como pregoeira de honra.

“Só podemos construír o futuro da nosa Comunidade en harmonía co mellor do noso pasado”, abondou o conselleiro, que aproveitou para agradecer a celebración desta Feira que contribúe ao impulso socioeconómico da Ribeira Sacra a través da cultura, do patrimonio, do turismo e da enogastronomía.