A Xunta mellorará polígonos empresariais e creará viveiros industriais en Ourense

O Pereiro de Aguiar comezará co vial de acceso ao parque empresarial

O Pereiro de Aguiar | O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia vai mobilizar preto de 1,5 millóns de euros en nove concellos da provincia de Ourense para que poidan mellorar as infraestruturas e servizos dos seus polígonos empresariais e implantar viveiros industriais.

Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe o parque empresarial do Pereiro de Aguiar con motivo do inicio, este mesmo mes, das obras de mellora dun vial de acceso.

Tal e como sinalou Conde, esta actuación “facilitará a accesibilidade do polígono, a mobilidade, e que siga tendo mellores servizos e mellores prestacións para as máis de 100 empresas e 2.000 empregados que diariamente desenvolven a súa actividade aquí”.

En concreto, está previsto ampliar a calzada, construír beirarrúas, así como instalar sinalización, rede de pluviais e iluminación co obxectivo de mellorar a mobilidade e seguridade vial.

Trátase dunha actuación que se enmarca na liña de apoios que o Goberno galego destina este ano aos concellos para mellorar o equipamento dos seus polígonos e para implantar viveiros de empresas. En total, son 4,75M€ de orzamento para toda Galicia que van mobilizar 6,6M€ e beneficiar a 43 municipios.

Provincia
No caso da provincia de Ourense, ademais desta actuación no Pereiro de Aguiar, son seis os concellos beneficiados con axudas para a mellora de infraestruturas nos polígonos empresariais, que suman un investimento público-privado que supera os 700.000 euros. Trátase de Celanova, Cortegada, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Vilamarín e Vilar de Santos. Ademais, apóianse dous viveiros industriais na Veiga e no Carballiño cun investimento de 740.000 euros.

Conde apuntou que estas dúas liñas de apoio están pensadas para fortalecer o tecido empresarial dos concellos galegos desde o punto de vista da competitividade e as infraestruturas. Son apoios, abondou, que, ademais de favorecer a creación de novas empresas buscan ser unha chamada a novos investimentos.

Concellos emprendedores
Durante a súa intervención, o vicepresidente primeiro puxo de manifesto a importancia de afondar na colaboración entre administracións. Neste sentido, os concellos emprendedores, como é o caso do Pereiro de Aguiar, teñen un papel protagonista ao seren os principais beneficiarios destes apoios. Os concellos emprendedores cooperan coa Xunta de Galicia para facilitar ás empresas o seu desenvolvemento sobre o territorio a través de beneficios fiscais, acceso a solo e facilitades administrativas; unha colaboración que, a cambio, permite a estas localidades ter prioridade en ordes de axudas como as dirixidas á mellora de parques empresariais e á creación de viveiros industriais.