A Xunta licita o acondicionamento do paseo peonil do mosteiro lucense das Bernardas

Localizado en Ferreira de Pantón (Lugo)

Pantón | A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras de acondicionamento do paseo peonil da rúa das Bernardas de Ferreira de Pantón, no entorno do mosteiro cisterciense.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou durante unha visita á localidade que os traballos foron licitados por 256.200 euros e teñen un prazo de execución estimado de tres meses. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o vindeiro 7 de abril.

O proxecto dálles continuidade ás actuacións de urbanización e adecuación desta contorna realizadas ao longo dos últimos anos, xa que servirá para completar o paseo situado fronte ao mosteiro, enlazando o núcleo de Ferreira coa praza do Curro. Actuarase ao longo duns 770 metros que forman parte da rede viaria municipal de Pantón.

Está previsto mellorar un treito en curva que carece de beirarrúa nunha das marxes, ademais de ter un muro moi próximo á estrada que dificulta o paso dos peóns e a visibilidade para os vehículos. A cesión dunha porción de terreo por parte dun propietario permitirá derrubar o muro e dispor de espazo para construír unha beirarrúa de pedra, en concordancia coas do resto do traxecto. Posteriormente levantarase outro muro de pedra, igual que os que xa hai no tramo, para delimitar a zona.

Tamén se pavimentará a calzada con aglomerado en quente -á altura da recta fronte ao mosteiro e na praza do Curro-; e habilitaranse pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical. Instalarase alumeado público e sistema de evacuación de augas pluviais, e levaranse a cabo as actuacións precisas para adecuar as canalizacións eléctricas e de telecomunicacións.

Arias destacou o impulso da Xunta a esta zona e lembrou que a finais do ano pasado a Axencia de Turismo de Galicia asinou un convenio coa Comunidade Cisterciense do Divino Salvador co fin de adquirir mobiliario para a hospedaxe no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, onde a Administración galega executou obras para acondicionar unha hospedería e un espazo multifuncional que poderá acoller información divulgativa da Ribeira Sacra e do mosteiro, declarado de Ben de Interese Cultural coa categoría de Monumento desde 1975.