A Xunta inviste máis de 38.000€ na mellora do edificio da Asociación de Veciños de Dornelas en Mos

A través dun convenio de Colaboración co Concello

Mos |  O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a mellora do edificio da asociación de veciños de Dornelas. Ao abeiro do acordo, a Xunta destinará 38.117 euros ao proxecto de pavimentación, climatización e impermeabilización das instalacións.

As obras previstas inclúen a pavimentación do último andar e a cuberta de parte da planta superior, así como a impermeabilización da cuberta plana e a instalación dun sistema de climatización, inexistente na actualidade. O obxectivo é rematar a renovación e dotación do local social de Dornelas, que presenta na actualidade un estado inacabado, ademais de corrixir as patoloxías e deficiencias construtivas que dificultan o benestar das persoas usuarias. Deste xeito, garántese unha maior durabilidade das instalacións e un mellor illamento térmico e acústico.

Segundo apuntou Diego Calvo, o convenio enmárcase na aposta da Xunta pola colaboración coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía, e no apoio ao asociacionismo veciñal e á xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega. Nesta liña, o vicepresidente segundo referiuse ao Plan específico de acción comunitaria, que incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros.

O obxectivo é “garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de xeito que a cidadanía teña as mellores condicións de vida con independencia de onde resida”, engadiu.

Para Diego Calvo, o labor dos concellos e das asociacións de veciños é fundamental na consecución desta meta, como entidades prestadoras de servizos de proximidade e como dinamizadoras da vida social e cultural no eido local, respectivamente.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes referiuse tamén ás diversas liñas de apoio do seu departamento ás administracións locais, como a Orde de infraestruturas de uso público, na que se invisten este ano 3,5M€, ou o Fondo de Compensación Ambiental, con 11,3M€ de orzamento.