A Xunta incrementará o cadro de persoal dos subGES de Muíños e Lobios

Tamén incrementaranse os efectivos para Laza, Ribadavia e Avión
Trátase dunha das medidas incluídas na proposta da Xunta para mellorar o funcionamento destes grupos.

Lobios | Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior, visitou aos efectivos dos subGES de Muíños e Lobios, que xunto cos de Laza, Ribadavia e Avión, verán incrementadas as súas plantillas o próximo ano ata os 12 efectivos.

Trátase dunha das medidas incluídas na proposta da Xunta para mellorar o funcionamento destes grupos na comunidade galega que aceptaron a Deputación de Ourense e a FEGAMP para aplicar na provincia de Ourense.

Ao abeiro desta proposta, tamén se incrementará o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova, actualizarase a financiación destinada aos custos salariais dos GES da provincia para adaptalos ao seu custo real na actualidade respecto ao primeiro convenio asinado en 2013 cun incremento de 40.000 euros por GES, un 16% máis nos gastos de persoal ata acadar, en global, os 320.000 euros anuais por grupo.

Na provincia ourensá a medida aplicarase nos grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6, 9 ou 10 membros, isto é, o de Lobios, que conta con 10 integrantes; Muíños con 9; Laza con 6; Ribadavia con 10 e Avión con 9. En total, 16 novos efectivos, entre eles 2 máis en Lobios e outros 3 en Muíños.

Muíños e Lobios son subsedes do GES de A Baixa Limia que, na actualidade, atende a estes concellos xunto cos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira e Porqueira. A Xunta leva investidos neste grupo nos últimos anos máis de 616.700 euros para reforzar o seu equipamento. A esta contía súmanse outros 37.500 euros nas Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) destes concellos, 17.115 euros no caso da de Muíños e os 20.327 restantes na de Lobios.

A Xunta mantén a man tendida para aplicar tamén nas outras tres provincias as medidas destinadas a reforzar as plantillas e aumentar a financiación para cubrir os custos salariais dos grupos, xa que as melloras só se poderán aplicar, polo de agora, nos 12 GES da provincia de Ourense, que contarán con 16 novos efectivos, ao mesmo tempo que se mellora o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova e as condicións salarias dos grupos.

A Administración autonómica mantén a súa implicación na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias das entidades locais aos que destinou case 20 millóns de euros, máis de 11 millóns no caso das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e 7 millóns para os GES.

Tamén colabora no seu funcionamento asumindo máis de 40 millóns do custo dos GES co obxectivo de mellorar a cobertura e os tempos de resposta ante emerxencias en toda a comunidade e 4 millóns nas distintas ordes de axudas para sufragar os gastos de funcionamento das AVPC. En total, máis de 60 millóns de euros investidos polo Goberno galego nos últimos 12 anos para colaborar no funcionamento, equipamento e formación dos servizos de emerxencias da comunidade.