A Xunta impulsa no Courel o festival Eidos de Outono

Fai unha achega de 49.500 euros no marco do Xacobeo 21-22
Acto de presentación do festival.

O Courel | O festival Eidos de Outono, que se celebrará en Folgoso do Courel, presentouse coa asistencia de Javier Ares, delegado da Xunta; Lola Castro, alcaldesa do municipio; Uxío Novo, secretario da Fundación Uxío Novoneyra; Xaime Casas, director de Eidon Música -promotora do evento-, así como dúas das artistas confirmadas, Uxía e Wöyza.

Arias explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia colaboran nesta medida extraordinaria de apoio ao sector musical no marco da programación conmemorativa do Ano Santo cunha achega de 49.500 euros.

A iniciativa pretende reactivar a actividade empresarial e artística neste ámbito, e recuperar a programación cultural en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico, como é o caso de Folgoso do Courel.

O festival desenvolverase entre os días 30 de outubro e 1 de novembro na Praza do Concello de Folgoso e na sede da Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel.

Mestura músicas de vangarda, poesía e natureza, e contará coas actuacións citadas de Uxía e Wöyza & The Galician Messengers xunto co grupo Califato 3/4, Rodrigo Cuevas, Babykatze, Sila Lua, Marta Toro e Xabi B. Igualmente, está prevista unha lectura de Os Eidos. O libro do Courel, de Novoneyra, máis un roteiro de avistamento de aves co biólogo Xabier Vázquez Pumariño.

Este evento, que cumpre a súa segunda edición, é a extensión musical do Festival dos Eidos, que se vén celebrando no verán dende 2015 no Courel; “esperamos que esta nova proposta se consolide tamén como un referente no ámbito cultural da provincia”, afirmou Arias.