A Xunta humanizará a contorna da casa do Concello do Pereiro de Aguiar

Por un importe de máis de 147.000 euros

O Pereiro de Aguiar | A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de máis de 147.000 euros o contrato das obras de mellora e humanización da contorna da Casa do Concello do Pereiro de Aguiar. A actuación executarase en virtude do convenio asinado o pasado mes de marzo entre o Goberno autonómico e o Executivo local, que achegarán o 70% e 30% do financiamento, respectivamente.

Esta actuación, cun prazo de execución previsto de cinco meses, ten como obxectivo acometer a mellora da contorna do edificio consistorial, dando continuidade así a unha obra realizada na mesma zona o ano pasado. Máis polo miúdo, a intervención consistirá, fundamentalmente, na repavimentación da rúa que se atopa fronte ao edificio e, na parcela localizada ao leste do mesmo, a construción dun aparcadoiro co fin de aproveitar ao máximo o espazo dispoñible.